O ciclo, en colaboración co festival Novos Cinemas, inclúe seis proxeccións de filmes de ficción, documental e animación para reflexionar sobre a guerra a través do cinema
A Deputación pon a funcionar a primeira das actividades paralelas da Bienal de Pontevedra, a modo de antesala para a inauguración da 32ª edición o próximo 21 de xuño. O ciclo “Cine, Arte e Guerra” comeza este xoves 29 de maio ás 23:00 h, coa proxección no xardín do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, do filme checoslovaco “Diamantes da noite (Démanty noci)”, dirixido por Jan Němec (1964). A película, de 67 minutos de duración e con entrada libre ata completar o aforo, narra a historia da loita por sobrevivir de dous nenos xudeus que escapan dun tren que os conduce a un campo de concentración.
O ciclo “Cine, Arte e Guerra”, en colaboración co festival Novos Cinemas, intégrano seis sesións que combinan xéneros e formatos, cunha selección que procura ser o máis diversa posible en canto á orixe xeográfica e aos períodos de produción das obras. En liñas xerais, proxectaranse películas de ficción, documentais e animación arredor de historias que falan do conflito, da represión, da resistencia, da memoria ou da destrución do territorio. Deste xeito, o cinema preséntase como unha ferramenta para pensar e sentir o conflito desde múltiples perspectivas, con filmes que evidencian como certos conceptos universais se fan visibles na pantalla, como é o caso da guerra, entendida como unha realidade presente en todas as épocas, territorios e culturas.
Agás a desta semana, que terá lugar ás 23:00 horas no xardín do Palacete das Mendoza, o resto de sesións do ciclo terán lugar ás 19:00 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O xoves 5 de xuño proxectarase “Hitler vs. Picasso e outros artistas modernos”, unha produción de Italia, Francia e Alemaña dirixida en 2018 por Claudio Poli. O xoves 12 de xuño proxectaranse dous documentais de Lionel Rogosin: “Bos tempos, marabillosos tempos” e “Diálogo árabe-israelí”, de 1965 e 1974 respectivamente.
As tres seguintes sesións do ciclo serán xa en xullo. O xoves 3 proxectarase o clásico francés “O silencio do mar”, dirixido por Jean-Pierre Meville en 1949. Pola súa banda, o filme de animación “Nausicaä do Val do Vento”, dirixido polo mestre Hayao Miyazaki, chegará á pantalla do auditorio do Edificio Castelao o mércores 9 de xullo. O ciclo pecharase o xoves 17 de xullo cunha dobre sesión con dous filmes sobre conflitos bélicos nos séculos XVIII e XX que realizou Peter Watkins a mediados dos 60: “Culloden” e “O xogo da guerra”.
O ciclo de cine é o primeiro dos programas paralelos da 32ª Bienal de Pontevedra en poñerse en marcha. Baixo o lema “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”, a Bienal abrirá as súas portas do 21 de xuño ao 30 de setembro, mostrando a obra de 60 artistas de 28 nacionalidades que exporán visións diversas sobre os conflitos bélicos e sobre a necesidade de superalos a través da empatía e o humanismo para imaxinar futuros mellores. Durante o verán poranse en marcha outras actividades paralelas, como a iniciativa de artes vivas e a de conversas con artistas, ademais de talleres tamén con artistas, en colaboración coa Universidade de Vigo, e un ciclo de conferencias que porá o broche á Bienal en setembro.
Toda a programación do ciclo de cine e da Bienal está dispoñible en https://bienal.depo.gal/.