HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación pon en marcha a nova edición de Rías Baixas Acción...

A Deputación pon en marcha a nova edición de Rías Baixas Acción co obxectivo de impulsar a rodaxe de producións audiovisuais na provincia

- Anuncio -spot_img

A nova anualidade aumenta nun 61% o seu orzamento ata os 170.000 euros e conta cunha liña específica para o apoio de producións documentais

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar as condicións para realizar patrocinios ás producións audiovisuais de ficción e documentais que se roden maioritaria ou exclusivamente na provincia de Pontevedra. A liña Rías Baixas Acción está dotada este ano dun 61% máis de recursos fronte á anualidade anterior, chegando aos 170.000 euros, e entre as súas novidades tamén destaca a creación dunha liña específica para as producións documentais.

A primeira liña de Rías Baixas Acción está dotada de 100.000 euros nos que se poderán destinar ata un máximo de 25.000 euros para longametraxes, 3.500 para curtametraxes e 15.000 euros para o apoio da series. Na segunda liña, para producións documentais, a Deputación destina 70.000 euros cos seguintes importes máximos: 7.000 € aos que excedan de 40 minutos de duración, 3.000 euros para curtas e outros 3.000 para pódcast documentais. En ningún dos casos a axuda poderá exceder do 50% do orzamento total do proxecto, e trala publicación das condicións no BOPPO ábrese un prazo a partir do venres 6 de xuño e ata o 30 de agosto de 2025 para presentar as solicitudes.

Entre as condicións para recibir o financiamento salientan as seguintes: as producións deben estar rodadas en lingua galega (coa excepción de filmes en lingua castelá que se agarda que teñan un forte impacto e repercusión), deben como mínimo ter un 50% de rodaxe en escenarios da provincia e, ademais, estes deben ser recoñecibles como parte do patrimonio material, inmaterial, natural, social ou histórico da provincia de Pontevedra. Os proxectos de animación sen rodaxe física deben contar igualmente con referencias xeográficas ou simbólicas do territorio.

A Deputación reforza o crédito de Rías Baixas Acción consciente do especial interese que supoñen as producións audiovisuais tanto para o fomento do desenvolvemento da industria cultural da provincia, como para consolidar o auxe do audiovisual galego rodado na provincia, ademais de proxectar a imaxe de Pontevedra en medios e plataformas de gran relevancia, importancia e repercusión. Deste xeito, búscase  que os escenarios da provincia supoñan unha vía para dar publicidade ao destino e que isto contribúa ao seu desenvolvemento económico e social.

Publicacións Relacionadas