HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación presenta a Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos para homoxeneizar...

A Deputación presenta a Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos para homoxeneizar servizos e axudalos en materia de ciberseguridade

- Anuncio -spot_img

O deputado de Novas Tecnoloxías, Ricardo Martínez, avanzou as liñas estratéxicas do servizo, que a Deputación pretende poñer en marcha a finais de ano tralo período de adhesión dos concellos, que se prevé que abra en setembro

A OTAC ofrecerá solucións adaptadas ás necesidades dos concellos en materia de servizos informáticos comúns, xestión de servizos municipais, apoio técnico en licitacións e ciberseguridade

O deputado de Novas Tecnoloxías, Ricardo Martínez, presentou este xoves no Pazo provincial unha nova iniciativa da Deputación de Pontevedra que axudará os concellos, con independencia dos seus recursos materiais e humanos, para que conten con persoal técnico especializado ao que solicitar asistencia en materia tecnolóxica. A Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos (OTAC), sinalou o deputado, “acompañará os 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes no seu proceso de transformación dixital” e anunciou que a previsión é que poida estar en marcha a finais deste mesmo ano tras un período de adhesión dos concellos que abriría no próximo mes de setembro.

Ricardo Martínez informou de que a OTAC ofrecerá asistencia en catros eixos claves: servizos informáticos comúns, apoio técnico en licitacións, xestión de servizos municipais e ciberseguridade. Deste xeito, “ofrecerá solucións tecnolóxicas modernas e eficaces fronte ás carencias que lastran os departamentos municipais en múltiples áreas ou servizos”, ademais de “escoitar activamente os concellos para entender e atender as súas necesidades e demandas, ofrecendo unha asistencia cada vez mellor que resolva todo o relacionado coa dixitalización”, informou o deputado provincial.

Martínez encadrou esta iniciativa no “municipalismo que rexe a acción do goberno provincial, igual que o é a Oficina de Transformación Comunitaria ou o apoio ás comunidades de augas”. A través da OTAC, sinalou, “seguimos impulsando a modernización e dixitalización dos concellos e agardamos que, traballando xuntos, construamos unha provincia máis inclusiva, accesible, segura e mellor”.

A Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos nace da disparidade entre os concellos en canto á súa madurez respecto ás tecnoloxías de información e comunicación, na busca de procurar unha situación acorde en toda a provincia. Centralizaranse na Deputación os servizos de asistencia e soporte que faciliten aos concellos os medios necesarios para facer fronte ás súas necesidades e, ademais, cun aforro económico. A OTAC consistirá nun asesoramento técnico especializado con escoita activa das súas necesidades para que o catálogo de servizos, agrupados en catro áreas, evolucione de acorde ás novas demandas.

No primeiro eixo, servizos informáticos comúns, búscase que os concellos melloren a súa xestión tecnolóxica con asesoramento, soporte e solucións comúns en ámbitos como infraestrutura (equipos e redes), postos de traballo dixitais, portais web, impresión ou control horario, ademais de realizar a diagnose da situación dos concellos para dar unha resposta acorde.

No eixo de xestión de servizos municipais ofreceranse solucións para modernizar e mellorar a prestación do padrón municipal, a Policía Local, o sistema de reserva de instalacións ou a retransmisión de eventos deportivos. Tamén inclúe servizos avanzados de administración electrónica interoperable e colaborativa.

O terceiro eixo, apoio técnico en licitacións, ofrecerá servizos de asesoramento técnico no proceso de contratación (redacción de pregos técnicos, avaliación de ofertas e elaboración de informes) co obxectivo de garantir procesos máis seguros, rigorosos e eficientes.

Por último, no eixo de ciberseguridade, apoiarase os concellos na implantación do Esquema Nacional de Seguridade para garantir a protección da información e o cumprimento normativo. Tamén se contemplaría a implantación dun Centro de Operacións de Ciberseguridade único e centralizado para coordinar as actividades deste eido.

A OTAC permitirá aos concellos impulsar o aproveitamento e compartición dos recursos e coñecemento, adoptar respostas áxiles ante os incidentes de seguridade, dispoñer dun acceso a coñecemento e recursos técnicos especializados e centralizados, facilitar a interlocución coas axencias de ciberseguridade para mellorar o cumprimento normativo na materia, diminuír o nivel de risco de posibles ameazas de ciberseguridade, mellorar a toma de decisións estratéxicas, aforrar custos, aumentar a racionalización e a eficiencia no uso dos recursos dispoñibles, e impulsar a monitorización das tendencias tecnolóxicas.

Publicacións Relacionadas