A publicación, editada pola Real Academia Galega, preséntase o próximo xoves 30 de xaneiro coa intervención da autora e do presidente da RAG
O Museo de Pontevedra acolle este xoves 30 de xaneiro ás 19:00 horas no Edificio Castelao a presentación do libro ‘Marcial del Adalid e o seu legado na Real Academia Galega’. A obra, escrita por Laura Touriñán Morandeira, é un achegamento a unha das grandes figuras da música galega do século XIX. Durante a presentación, o pianista Alejo Amoedo interpretará algunhas das súas composicións.
Na presentación intervirán Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Fernando López-Acuña López, académico correspondente da RAG; e a musicóloga Laura Touriñán Morandeira, autora principal do volume.
Marcial del Adalid (A Coruña, 1826-Oleiros, 1881) formouse en Londres e foi partícipe da actividade artística de París. A súa prolífica produción compositiva, especialmente para piano, enmárcase dentro do Romanticismo centroeuropeo, actualizado coas tendencias da época. A pesar da popularidade da época, en moitos aspectos segue sendo un gran descoñecido.