-O alumnado de ESO e Bacharelato asistiu a charlas sobre a historia da illa de San Simón organizadas polo Concello de Redondela e a propia a rapazada achegou información sobre o que coñecen deste enclave, a súa historia, significado e lendas.
– O auditorio da Xunqueira acolle este xoves, 5 de xuño, ás 19.30 horas a charla “Illa de San Simón. Lugar de Memoria Democrática”. A conferencia corre a cargo de Matías da Torre, portavoz da Iniciativa Galega pola Memoria e un dos promotores do informe presentado ante o Ministerio para a declarar a illa Lugar de Memoria Democrática.
O Concello de Redondela está a promover charlas, conferencias e actividades para dar a coñecer o legado histórico da illa de San Simón e a súa declaración como Lugar de Memoria Democrática. Montse Fajardo, especialista no tema, ofreceu conferencias en todos os institutos que tiveron moi boa acollida por parte do alumnado. Previamente, o Concello elaborou un cuestionario para a rapazada con preguntas arredor da illa, o seu nome e o que coñecen da súa historia e lendas. O traballo fixérono alumnado desde 2º da ESO a 1º de Bacharelato. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que os resultados foron “moi interesantes”. Tanto a mocidade como as súas familias teñen “unha forte conciencia” de dous períodos históricos, “cando foi hospital-lazareto e cando foi prisión”. Entre o alumnado de Cesantes “tamén teñen coñecemento de cando foi orfanato e do suceso dos afogados falanxistas”, sinala Rivas. Pola contra, hai poucas referencias ao papel das “madriñas” ou “lavandeiras”, agás o alumnado que ten veciñanza ou familia ligada ás lavandeiras. Os que as coñecen si subliñan que foron “homenaxeadas polo Concello”. En todo caso, “persiste unha certa invisibilidade do papel da muller como soporte para os presos políticos”, lamenta a alcaldesa.
A rapazada tamén fai referencia a fitos históricos na enseada como a Batalla de Rande e a súa pasaxe na novela de Verne. Menos coñecida é a súa relación coa lírica medieval e o trobador Mendiño. Tamén coñecen algúns os ataques dos piratas e de Drake, e historias sobre tesouros e barcos afundidos. A rapazada recolleu lendas moi interesantes, non só a da Coca, senón outras sobre almas en pena, campás que soan baixo as augas, sereas e mesmo pasadizos e túneles que unen a illa co castelo da Peneda.
Conferencia a cargo de Matías da Torre
O auditorio da Xunqueira acolle este xoves, 5 de xuño, ás 19.30 horas a charla “Illa de San Simón. Lugar de Memoria Democrática”. A conferencia corre a cargo de Matías da Torre, portavoz da Iniciativa Galega pola Memoria e un dos promotores do informe presentado ante o Ministerio de Memoria Democrática para a declaración da illa como Lugar de Memoria Democrática. Na conferencia achegará detalles sobre os contidos dese informe, as motivacións que levaron a Iniciativa Galega e presentalo e o que supón a declaración deste espazo como Lugar de Memoria Democrática.