O deputado provincial presentou os resultados deste informe enmarcado na Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables
A Deputación organiza este mércores ás 12:00 horas un encontro telemático para recibir asesoramento no proceso de creación ou adhesión a unha comunidade enerxética
O deputado provincial de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos, Fondos Europeos e Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Javier Tourís, presentou na Casa do Pobo de Anceu (Ponte Caldelas) os resultados dun estudo de viabilidade para dotar dunha instalación fotovoltaica a súa Comunidade de Montes. O proxecto enmárcase na Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, un proxecto que busca fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en toda as comarcas da provincia, alcanzando tanto núcleos urbanos e rurais como industriais, así como outras medidas para o impulso da eficiencia enerxética e a loita contra o cambio climático na provincia.
O estudo de viabilidade dunha instalación fotovoltaica para a comunidade de montes de Anceu conclúe que se trata dunha opción viable e sostible que contribuirá tanto á eficiencia enerxética como á transición ecolóxica da parroquia. Para o estudo a Comunidade de Montes aportou dúas posibles localizacións no norte e o sur da parroquia, para os que se contemplaron sistemas en chan, e a Deputación tamén valorou unha terceira vía cunha estrutura de pérgolas que permitiría ampliar o radio do autoconsumo colectivo, concretamente na parcela situada ao norte de Anceu.
Con esta terceira opción, a instalación podería aumentar a unha potencia de xeración de 26 kWp e unha produción anual de 32 MWh, para unha cobertura da demanda do 25% e unha taxa de autoconsumo do 90%.
A instalación podería ter unha potencia máxima de xeración de 41,8 kWp. Malia non contemplar instalárense na propia Casa do Pobo polo pouco espazo dispoñible, si podería ser un lugar importante para o proxecto como nexo de unión da parroquia onde conviven distintos colectivos que se poderían sumar a el.
O estudo tamén sinala que esta instalación non tería apenas afección ao medio ambiente, porque tanto a potencia como a afección sobre o solo son baixas. Do mesmo xeito, destaca por unha banda a elevada fiabilidade do sistema, con garantías longas para os paneis e os compoñentes eléctricos, e pola outra a súa boa sinerxía con outras tecnoloxías limpas, cos sistemas térmicos tanto de xeración de auga quente como de refrixeración, así como cos puntos de recarga para vehículos eléctricos que se están a desenvolver na actualidade, que tamén se poderían integrar aproveitando esta instalación.
Encontro informativo telemático este mércores
As persoas interesadas nos proxectos de comunidades enerxéticas teñen a posibilidade de asistir este mércores ás 12:00 horas, de forma telemática, a un encontro informativo telemático organizado pola Deputación a través da plataforma Teams. Todos os segundos mércores de mes, a institución provincial pon á súa disposición esta ferramenta para asesorarse no proceso de creación ou adhesión ás comunidades enerxéticas dos seus municipios. As persoas interesadas poden inscribirse no correo electrónico otc@depo.es e atopar máis información e as claves de ingreso no sitio web institucional.
A Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación +Renovables, financiada con fondos Next Generation EU, está situada no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro (situado no Polígono de Barro), e trátase dun espazo desde o que se está a fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade.
Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, formación e investigación, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial. O seu obxectivo é impulsar entre a poboación da provincia a transición enerxética, potenciar a autosuficiente enerxética das vilas e aldeas, mellorar a eficiencia enerxética e contribuír a unha transición cara a un modelo de enerxía máis sostible e responsable.
Desde +Renovables a Deputación acompaña aquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética, ofrecéndolles un completo asesoramento nas fases de constitución, desenvolvemento e explotación das comunidades enerxéticas. Durante este tempo axúdaselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén se presta asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realízanse informes previos de cara á implantación das comunidades enerxéticas que inclúen a análise da capacidade produtiva de enerxía, estudos económicos para coñecer a viabilidade financeira dos proxectos, ou tamén outros de carácter legal e xurídico.