- Persoal da institución amosou a variedade de xeodestinos lucenses por primeira vez en Intur, unha feira de carácter internacional na que a Deputación tivo un espazo propio, xunto a un milleiro de destinos, empresas e colectivos profesionais
A Deputación de Lugo deu a coñecer esta fin de semana en Intur (Feira Internacional de Turismo de Interior), en Valladolid, a diversidade de destinos, recursos e experiencias que ofrece a provincia. A institución participou por primeira vez neste encontro de referencia no territorio peninsular, que cada ano atrae a miles de visitantes nacionais e internacionais.
Lugo compartiu espazo, cun stand propio, cun millar de destinos, empresas e colectivos profesionais. Nesta edición, a 29, participaron once comuniidades, 21 patronatos de turismo e más de 200 concellos, ademais de mancomunidades, destinos colectivos, empresas hoteleiras, tecnolóxicas e de transporte, medios de comunicación especializados e asociacións sectoriais, de España e de Portugal.
O espazo lucense contou con dous técnicos de turismo da Deputación e co apoio de guías oficiais, que ofreceron información e asesoramento ás persoas, empresas e colectivos interesados en descubrir os atractivos da provincia. A través deste punto de información, os visitantes puideron coñecer os diferentes xeodestinos lucenses: A Mariña, Terra Chá, Lugo-Terras da Ulloa, Ancares-Terras de Burón e O Courel.
A proposta turística que a Deputación presentou en Intur puxo o foco na riqueza e na variedade dos 67 concellos, con alternativas para gozar en calquera época do ano e para todo tipo de públicos. Natureza, patrimonio, gastronomía, cultura, actividades deportivas e fluviais e experiencias vinculadas ao medio rural conforman unha oferta que permite descubrir a provincia desde perspectivas moi diferentes.
Entre as experiencias que se deron a coñecer co fin de atraer o interese dos asistentes á feira -o ano pasado foron uns 36.000 visitantes, segundo a organización- figuraron posibilidade de entrar nunha palloza e achegarse ás formas de vida tradicionais dos Ancares, de percorrer en tren as ladeiras da Ribeira Sacra para descubrir a viticultura heroica ou de navegar polos canóns dos ríos Sil e Miño.
A provincia gaña presenza nos grandes escaparates turísticos
Con esta primeira presenza cun espazo propio en Intur, a Deputación de Lugo continúa ampliando a súa participación en feiras e encontros especializados para dar visibilidade aos recursos turísticos da provincia, dentro dunha estratexia de promoción que este ano tamén a levou a citas como FITUR, Expocidades, Expovacaciones, BioCultura ou Produart.

