HomePontevedraCaldasA Deputación programa tres obradoiros de capacitación tecnolóxica no marco do programa...

A Deputación programa tres obradoiros de capacitación tecnolóxica no marco do programa +Reto Dixital en Portas

- Anuncio -spot_img

Preto de 40 veciños participarán este mes nas accións centradas nas aplicacións sanitarias, a banca móbil e as compras en liña e as sedes electrónicas da Deputación e do Concello de Portas

+Reto Dixital é un programa que busca facilitar o acceso das persoas maiores aos servizos da Administración pública e dotalas de autonomía nos trámites cotiáns adquirindo competencias dixitais coas que mellorar a súa calidade de vida

A Deputación de Pontevedra continúa a partir deste martes 16 de setembro en Portas a programación dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica do programa +Reto Dixital con tres novos obradoiros nos que participarán un total de 36 veciños e veciñas da localidade. Esta iniciativa da institución provincial ten o obxecto de formar as persoas maiores de 50 anos da provincia para facilitarlles o seu acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais.

Todos os cursos terán lugar na Casa da Cultura, en horario de 10:00 a 12:30 horas e coa participación de 12 alumnos en cada actividade. A primeira en ter lugar será o curso “Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA”, con dúas sesións este martes e mércores 16 e 17 de setembro. A seguinte semana, os días 23 e 24 de setembro, celebrarase o curso “Uso da banca móbil e as compras electrónicas”, e por último o martes 30 e o mércores 1 de outubro celebraranse as dúas sesións das que constarán o curso “Sede electrónica da Deputación de Pontevedra e do meu concello”.

Participarán en +Reto Dixital, cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico. Os obradoiros xa comezaron no concello de Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa, Cerdedo-Cotobade e agora Portas, e seguiranlle Pontecesures, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Rodeiro, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Vila de Cruces, Arbo, Barro, Sanxenxo, Meaño, O Rosal, Bueu, Dozón, Catoira e Ribadumia.

Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou cinco cursos (‘A Administración electrónica’, ‘A Sede electrónica da Deputación e do meu Concello’, ‘Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA’, ‘Uso da banca móbil e as compras electrónicas’ e ‘As redes sociais’) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.

Publicacións Relacionadas