HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación programa un obradoiro de capacitación tecnolóxica no marco do programa...

A Deputación programa un obradoiro de capacitación tecnolóxica no marco do programa +Reto Dixital na Lama a partir deste venres

- Anuncio -spot_img

O deputado provincial Jorge Cubela acudirá á sesión centrada na administración electrónica da Deputación e do concello, no que participarán 15 persoas

+Reto Dixital é un programa que busca facilitar o acceso das persoas maiores aos servizos da Administración pública e dotalas de autonomía nos trámites cotiáns adquirindo competencias dixitais coas que mellorar a súa calidade de vida

A Deputación de Pontevedra continúa este venres 4 de xullo na Lama a programación dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica do programa +Reto Dixital. Esta iniciativa que pon en marcha a institución provincial ten o obxecto de formar as persoas maiores de 50 anos da provincia para facilitarlles o seu acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais.

Na Lama terá lugar o obradoiro “A Sede Electrónica da Deputación de Pontevedra e do meu Concello”, coa participación de 15 alumnos no Centro Miltiúsos da Lama (rúa Manuel Tosar Ferro, 1) en dúas sesións de 2 horas e media cada unha: o venres de 17:00 a 19:30 horas e tamén o sábado 5 en horario de 10:00 a 12:30 horas. Á sesión do venres acudirá o deputado provincial de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela. Este é un dos dous cursos que terán lugar no concello da Lama, ao que lle seguirá proximamente “Sergas, a súa Aplicación Electrónica e TELEA”.

Participarán en +Reto Dixital, cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico. Os obradoiros xa comezaron no concello de Mondariz, e á Lama seguiranlle Pontecesures, Salceda de Caselas, Portas, Salvaterra de Miño, Rodeiro, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, Meis, Vilanova de Arousa, Arbo, Barro, Sanxenxo, Meaño, O Rosal, Bueu, Dozón, Catoira e Ribadumia.

Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou cinco cursos (‘A Administración electrónica’, ‘A Sede electrónica da Deputación e do meu Concello’, ‘Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA’, ‘Uso da banca móbil e as compras electrónicas’ e ‘As redes sociais’) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.

Publicacións Relacionadas