A Deputación promoverá o destino Rías Baixas esta fin de semana en Silleda no marco da feira Turexpo Galicia

adminON
Lectura mínima de 2

Turismo Rías Baixas contará cunha zona expositiva que promoverá distintos recursos turísticos da provincia coa liña argumental da campaña “100% Rías Baixas”

A Deputación de Pontevedra estará presente un ano máis a través de Turismo Rías Baixas esta fin de semana en Turexpo Galicia, o Salón Turístico de Galicia, que se celebrará en paralelo á 46ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, entre os días 30 de maio e 2 de xuño no Recinto Feiral situado en Silleda. Deste xeito, a institución provincial intensifica o seu traballo en materia de promoción do destino Rías Baixas difundindo algúns dos principais recursos turísticos do territorio, enmarcados na campaña de promoción “100% Rías Baixas” que pon o foco na auga como atractivo turístico.

A Deputación contará nesta feira cunha zona expositiva que incluirá información sobre recursos patrimoniais, gastronómicos ou naturais, entre outros, da provincia de Pontevedra, que remitirán a experiencias como o termalismo ou o deporte. Tamén contará cunha zona de atención ao público con dous informadores turísticos, e dotada dunha pantalla de gran formato para proxectar audiovisuais de carácter turístico sobre a provincia de Pontevedra. Ademais, nunha zona semiprivada poderán realizarse encontros de carácter profesional co obxectivo de crear novas posibilidades de dinamización turística para a provincia de Pontevedra. No stand da Deputación estará dispoñible material de promoción relacionado co patrimonio, as camelias, a natureza, a arquitectura, o Camiño de Santiago ou os castelos de Sobroso e Soutomaior, así como planos da provincia, postais e agasallos como bolsas, bolígrafos e botellas de vidro.

A asistencia da Deputación de Pontevedra en Turexpo Galicia encádrase no obxectivo de consolidar a provincia dentro do turismo de proximidade e interno, pois o propio público galego é un dos principais mercados emisores de turismo cara Pontevedra, cunha grande importancia das estancias curtas, especialmente durante pontes ou fins de semana. Cara a finais de ano, a Deputación ten previsto asistir a outras feiras como Termatalia, Xantar, Etiqueta Negra ou Fairway.

Comparte este artigo