A fronte nacionalista reitera a necesidade de árbores para evitar que o quilómetro cero da cidade continúe a ser un “ermo gris e un deserto urbano”
Critican que as únicas árbores que se instalaron na praza foran as “palmeiras de metal e luces LED” do Nadal pasado
Xabier P. Igrexas: “As árbores combaten as illas de calor, melloran a calidade do aire, reducen a contaminación e fan das cidades espazos máis habitábeis. Por que insiste Abel Caballero en negarnos isto?
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo, a través do seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, reiterou hoxe a demanda urxente de instalar arboredo na Porta do Sol. Unha proposta que o BNG vén defendendo desde 2023 e que fora prometida polo propio alcalde Abel Caballero.
O portavoz nacionalista critica a teima do Goberno municipal en manter esta praza como un “un deserto urbano” de pedra e formigón, deshumanizado e afastado das necesidades da veciñanza e dos retos ambientais. O BNG propón a plantación de árbores autóctonas para transformar a Porta do Sol nun “espazo verde, sustentábel e acolledor”.
Igrexas denunciou que a ausencia de árbores na praza non é só unha cuestión estética, senón unha decisión política que ignora os beneficios cientificamente probados do verde urbano. “As árbores combaten as illas de calor, melloran a calidade do aire, reducen a contaminación e fan das cidades espazos máis habitábeis. Por que insiste Abel Caballero en negarnos isto?”, cuestionou o portavoz. A súa crítica fai referencia á falta de visión do Goberno local, que opta por unha praza “fría e estéril” en lugar de convertela nun pulmón verde no corazón da cidade.
O BNG propón unha intervención “ambiciosa pero factíbel”: a incorporación de especies autóctonas adaptadas ao clima vigués, que garantan sombra, beleza e sustentabilidade. “Non falamos de proxectos faraónicos senón de sentido común, outras cidades galegas integraron o verde nos seus espazos urbanos e Vigo, como maior cidade de Galiza, non pode quedar atrás”, sinalou Igrexas. A formación nacionalista subliña que esta proposta, que xa foi presentada en 2023 e reiterada en 2024, responde a unha necesidade urxente de combater o cambio climático e mellorar a calidade de vida da veciñanza.
A Porta do Sol, considerada o “quilómetro cero” de Vigo, é un espazo emblemático que, segundo o BNG, debería reflectir unha cidade viva e moderna. Porén, Igrexas criticou con ironía que “as únicas árbores que vimos na praza foron as palmeiras de metal e luces LED do Nadal pasado”. Para o BNG, a falta de acción do Concello simboliza unha carencia de compromiso coa sustentabilidade ambiental.
Esta demanda enmárcase nun proxecto máis amplo do BNG para transformar Vigo nunha cidade máis verde e habitábel. “Non aceptaremos escusas nin demoras, a Porta do Sol non pode seguir sendo o ermo gris que simboliza a falta de visión do Goberno local”, advertiu Igrexas. O portavoz insistiu en que a naturalización da praza é unha prioridade e unha oportunidade para devolverlle a Vigo o verde que merece.
“Unha Porta do Sol verde non é unha opción, é unha necesidade. Vigo merece un corazón vivo e sustentábel”, concluíu o portavoz.