O deputado de Xuventude, Jorge Cubela, asistiu este venres ao sorteo público no que se asignaron as prazas distribuídas en once quendas entre xuño e setembro
Xa se pode consultar no sitio web da Deputación de Pontevedra a relación de nenas e nenos que finalmente participarán nos Campamentos A Lanzada deste verán 2025. A publicación ten lugar despois de que esta mañá se celebrase nas dependencias do Pazo provincial o sorteo das prazas entre os 3.629 menores que foron finalmente admitidos, no que estivo presente o deputado de Xuventude, Jorge Cubela.
Ademais da lista de menores participantes, tamén está dispoñible no portal institucional a lista de agarda de cada unha das 11 quendas nas que están distribuídos os Campamentos A Lanzada, cada unha formada por 100 nenos e nenas. As nais, pais ou titores legais dos menores con praza recibirán un SMS coas claves para acceder e descargar os documentos de pago, e no caso de non efectualos perderán o dereito á praza obtida, que pasará a ser ocupada por unha nena ou neno da lista de agarda seguindo a súa orde pero respectando a paridade (se quen perde a praza é unha nena chamarase á primeira nena da lista, e viceversa).
Este ano os campamentos celebraranse entre o 22 de xuño e o 6 de setembro e distribuiranse en once quendas, de sete días de duración cada unha (de domingo a sábado). Participarán mozas e mozos empadroados nalgúns dos concellos da provincia e nados entre os anos 2012 e 2017 (incluídos). Cada quenda estará composta por 140 nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 están reservadas para menores en situación ou risco de exclusión social.
No Centro de Vacacións da Lanzada a rapazada poderá desfrutar dun completo programa de actividades nas que salientan as deportivas, que terán lugar tanto no campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos) como na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia). Tamén desfrutarán de actividades artísticas, científicas, en lingua inglesa, nocturnas, de coñecemento do medio, teatro e contacontos, baile e actividades culturais e realizarán excursións a lugares como a illa de Ons.