– A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou no Pleno extraordinario que a sentenza do Tribunal Supremo non anula os encargos nin impide que se traballe con TRAGSA, xa que xa se lle deu cumprimento á sentenza ao quedar ratificada a compra da acción por parte da administración provincial no Pleno de abril 2022
O Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que a sentenza do Tribunal Supremo non anula os encargos realizados nin impide que a Deputación continúe traballando con TRAGSA, empresa pública estatal que actúa como medio propio da administración provincial. O que sinala, explicou a Deputada, é unha cuestión formal: que a decisión inicial debía ser adoptada polo Pleno e non mediante decreto. Esa circunstancia quedou resolta na sesión plenaria de abril de 2022, cando o Pleno ratificou expresamente a compra da acción e os encargos realizados. Así o explicou nun Pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular. A moción foi rexeitada cos votos en contra do PSdeG e BNG.
Lembrou García Porto que ese acordo plenario foi recorrido polo Partido Popular, pero o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo desestimou integramente o recurso e declarou conforme a dereito a actuación da Deputación. Despois diso, o PP non recorreu esa resolución, polo que a sentenza é firme. “Existe, por tanto, seguridade xurídica sobre a validez do acordo”, afirmou a Deputada.
En relación coa memoria económica, os tribunais tamén deixaron claro que non era obrigatoria neste caso, ao tratarse TRAGSA dunha empresa pública estatal e non dunha sociedade dependente da Deputación.
Ademais, como explicou á entrada do Pleno a Presidenta, ela mesma solicitou informes económicos e xurídicos desde o inicio do mandato para analizar con detalle esta cuestión. “Dende a primeira semana que cheguei expuxéronme todos os conflitos que había enriba da mesa e xa solicitei informes económicos e xurídicos. Non se pode tomar unha decisión sen garantías. Nós queremos traballar coa documentación e sabendo que o que traemos é real e o podemos facer”. Nese sentido, García Porto detallou que a propia Deputación conta cun informe da Asesoría Xurídica.
No que respecta á situación dos traballadores e traballadoras, existe un procedemento aberto no Xulgado do Social nº 1 de Lugo. “É prudente e responsable vir aquí cando dependemos das decisións dos tribunais? Trátase dunha cuestión que debe resolverse no ámbito xudicial correspondente. A Deputación non pode nin debe substituír aos tribunais nin adoptar decisións políticas sobre materias que están pendentes de resolución xudicial”. “Non é responsable xogar coas expectativas dos traballadores”, afirmou.
A Deputación de Lugo reitera que seguirá actuando con rigor, responsabilidade e respecto á legalidade, garantindo a continuidade dos servizos públicos, a estabilidade institucional e a defensa dos intereses da provincia.



