A Deputación reforza a súa aposta pola igualdade desde a educación coa entrega dos primeiros premios “E ti, que pensas da igualdade?” este mércores 15 de maio no Centro Príncipe Felipe

adminON
Lectura mínima de 4

No acto entregaranse os galardóns aos mellores traballos nas modalidades de Primaria e Educación Especial, ESO e Bacharelato e FP básica ou de Grao Medio

Está previsto que se dean cita en Príncipe Felipe preto de 400 persoas entre alumnado e profesorado de centros educativos de Baiona, Cangas, Marín, Meaño, Nigrán, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía

A Deputación de Pontevedra fará entrega este mércores 15 de maio ás 11:30 horas dos premios do concurso escolar “E ti, que penas da igualdade?” no Auditorio do Centro Príncipe Felipe. No acto entregaranse os galardóns aos mellores traballos nas modalidades de Primaria e Educación Especial, ESO e Bacharelato e FP básica ou de Grao Medio. Está previsto que se dean cita en Príncipe Felipe preto de 400 persoas entre alumnado e profesorado de centros educativos de Baiona, Cangas, Marín, Meaño, Nigrán, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.

O concurso escolar “E ti, que pensas da igualdade?”, posto en marcha por vez primeira este ano polo Goberno provincial, nace para incentivar entre os rapaces e rapazas e a mocidade o pensamento crítico, para sensibilizalos na importancia de acadar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e rexeitar a violencia de xénero, para fomentar a súa creatividade e, tamén, para amosar ao conxunto da cidadanía a súa visión sobre estas cuestións.

Esta primeira convocatoria do concurso dirixiuse a todo o alumnado de Educación Primaria, Educación Especial e Secundaria (ESO, Bacharelato e FP Básica ou de Grao Medio) dos centros de ensino da provincia, que puideron presentar os seus traballos en formato grupal ou individual e atendendo a diferentes disciplinas en función das súas idades. Deste xeito, entre 1º e 4º de primaria e en educación especial as propostas individuais eran  debuxos ou colaxes e as grupais, contos, mentres que en 5º e 6º as individuais bandas deseñadas ou viñetas e as grupais, videopoesías. Por outra banda, tanto na ESO como en bacharelato e FP básica ou de grao medio, de maneira individual presentáronse bandas deseñadas ou viñetas, mentres que, en grupo, os primeiros participaron con cancións e, os segundos, con podcasts.

En total, o próximo mércores entregaranse tres premios en cada unha das categorías. En Primaria e Educación Especial o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e unha tableta para a persoa gañadora; o segundo unha sesión de contacontos para o centro e unha cámara de fotos Polaroid para a persoa, e o terceiro un lote de material didáctico para o centro e un agasallo didáctico para a persoa gañadora.

Na ESO, o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e un ordenador portátil para a persoa gañadora; o segundo premio consistirá nun obradoiro de banda deseñada ou videocreación para o centro e unha tableta para a persoa gañadora, e o terceiro un obradoiro de banda deseñada ou videocreación para o centro e un agasallo didáctico para a persoa gañadora.

E, por último, en bacharelato e FP básica ou de grao medio, o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e un ordenador portátil para a persoa gañadora; o segundo un encontro cunha xornalista galega para o centro e unha tableta para a persoa gañadora, e o terceiro un obradoiro de banda deseñada para o centro que gañe e un agasallo didáctico para a persoa.

Ademais, os traballos finalistas exporanse virtualmente na páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal) e recompilaranse nun soporte divulgativo que se distribuirá por todos os centros educativos da provincia de Pontevedra.

Comparte este artigo