HomeO MorrazoCangasA Deputación supervisa en Cangas do Morrazo o estado dos traballos de...

A Deputación supervisa en Cangas do Morrazo o estado dos traballos de mellora de firme nas estradas provinciais EP-1001 Cangas-Coiro-Madalena e EP-1008 Hío-Vilanova

- Anuncio -spot_img

A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, percorreu ambas estradas provinciais onde a Deputación está a investir 250.000 euros ao abeiro do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria provincial

Tamén supervisou as estradas EP-1002 Madalena-Aldán e EP-1006 Hío-Donón onde a Deputación de Pontevedra vai acometer cunetas de seguridade

A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, supervisou en Cangas do Morrazo o estado dos traballos de mellora de firme que executou a Deputación de Pontevedra na estrada provincial EP-1001 Cangas-Coiro-Madalena e visitou as zonas onde van comezar as obras na EP-1008 Hío-Vilanova. Ambas actuacións forman parte do acordo marco de conservación de firmes que contempla un orzamento total para o conxunto da provincia de máis de 4,4 millóns de euros.

Belén Cachafeiro sinalou que se actuou en 1.800 metros da estrada provincial EP-1001 Cangas-Coiro-Madalena e vanse a iniciar obras en 1.000 metros da EP-1008 Hío-Vilanova. En ambas estradas “os traballos consisten en operacións de mantemento das características superficiais dos firmes e da súa capacidade portante, así como da reposición da sinalización horizontal e da drenaxe afectada”, detallou a deputada quen recordou que a través desta actuación estanse solucionar “degradacións como son pavimentos escorregadizos, deformados ou con fisuras para, así, mellorar e ampliar a vida útil das estradas provinciais e garantir a seguridade destas vías tan importantes para a vertebración do noso territorio”.  

Tamén engadiu Cachafeiro que estas son soamente dúas das numerosas actuacións que se están a desenvolver nas estradas provinciais da provincia ao abeiro do acordo marco de obras de conservación de firmes. No caso concreto da zona de Cangas do Morrazo, enmarcada no lote 4, ademais destas estradas provinciais da vila vaise actuar en vías dos concellos de Bueu (EP-1304 Bueu-Igrexario de Cela e EP-1305 Igrexario de Cela-O Outeiro-Bueu), Campo Lameiro (EP-8302 O Couso-Agueiros), Cerdedo-Cotobade (EP-0401 Carballedo-Caroi, EP-0413 Paraños-Piscifactoría e EP-0406 Vilanova-Tenorio), A Lama (EP-0306 Ponte do Verdugo-Cameses-A Barcia), Moaña (EP-1103 San Bieito-Domaio e EP-1102 Meira-Fraga), Moraña (EP-8201 Moraña-Santa xusta-Couso e EP-8203 O Souto-Igrexa de Lamas), Poio (EP-0602 Portosanto-Lourido-Campelo), Pontevedra (EP-0004 Marcón-Pintos-A Reigosa, EP-0014 O Tombo-O Salgueiral e EP-0018 Xeve-Amil-A Espedregueira), Redondela (EP-2901 Cesantes-O Viso-Alxán e EP-2904 Redondela-A Portela) e Vilaboa (EP-0105 Bértola-A Ramalleira-N-550).

Cunetas de seguridade na EP-1002 Madalena-Aldán e na EP-1006 Hío-Donón

Na súa visita a Cangas do Morrazo a deputada provincial tamén aproveitou para supervisar as actuacións de execución de cunetas de seguridade que se van acometer nas estradas provinciais EP-1002 Madalena-Aldán e EP-1006 Hío-Donón. Estas cunetas, tal e como recordou Belén Cachafeiro, permitirán “mellorar a drenaxe lonxitudinal mediante a evacuación das augas pluviais e tamén xerar espazos seguros para condutores e peóns, aumentando os espazos e garantindo unha mellor seguridade viaria”. Ao detalle, na primeira das estradas actuarse na zona do punto quilométrico 3+700 e, no caso da segunda, na contorna do campo de fútbol e do colexio á escola infantil.

Publicacións Relacionadas