Os 500.000 euros de dotación desta liña, 30.000 euros máis que na anterior convocatoria, poden solicitarse ata o próximo luns 10 de marzo co fin de financiar proxectos que beneficien a persoas de colectivos vulnerables
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo luns 10 de marzo o prazo de solicitude das axudas dirixidas a entidades sen fins de lucro da provincia co fin de financiar actividades e proxectos de índole social. A liña está dotada de 500.000 euros, o que supón unha inxección económica de 30.000 euros superior para estes colectivos respecto á convocatoria do ano 2024.
A través destas axudas a Deputación financiará proxectos, programas e actividades de promoción e inserción social, de prestación de servizos sociais e que persigan un interese social na procura da mellora da calidade de vida da cidadanía. As persoas beneficiarias deben pertencer a colectivos que se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas ou socioeconómicas.
Á hora de solicitar as achegas, as entidades deberán entregar un proxecto no que se detallen os obxectivos, o ámbito de actuación e o número de persoas beneficiarias. Ademais, sinalarán a metodoloxía empregada para desenvolver o proxecto, o calendario de actuación, unha relación dos recursos humanos, materiais e financeiros que garantan a súa viabilidade, unha avaliación do impacto social estimado e un plan de difusión da actividade.
As entidades recibirán un máximo do 80% do orzamento do proxecto, sempre que non supere os 7.000 euros, e na adxudicación teranse en conta criterios relacionados tanto coa entidade como co proxecto obxecto da axuda. O ano pasado recibiron recursos desta liña 114 entidades sociais de 23 concellos da provincia para financiar proxectos de envellecemento activo, de asesoramento e apoio a persoas en risco de exclusión social ou para a atención a persoas con discapacidade.

