+Emprega está dotado de preto 70.000 €, un 22% máis que o pasado ano
Os Centros Especiais do Emprego da provincia poden solicitar as axudas para subvencionar os custos salariais das súas unidades de apoio e postos de dirección ou coordinación ata o 10 de xullo
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o 10 de xullo o prazo para que os Centros Especiais de Emprego da provincia presenten as súas solicitudes para optar ás axudas do programa +Emprega. Dotado de 67.000 euros, un 22% máis que na anterior convocatoria, o programa provincial subvencionará os custos salariais das unidades de apoio e postos de dirección ou coordinación destes centros, co obxectivo de impulsar a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción.
A concesión dos recursos de +Emprega irá en aumento progresivo segundo o número de persoas con discapacidade contratadas durante o ano pasado, desde os 3.500 euros (para 10 ou menos persoas traballadoras con discapacidade) ata un máximo de 15.000 euros (a partir das 51).
A Deputación pon en marcha este programa tendo en conta que as persoas con discapacidade, especialmente as que presentan un grao severo, teñen altos niveis de desemprego. Facilitando a súa inserción no mercado de traballo, a institución provincial busca garantir a igualdade de oportunidades, o desenvolvemento persoal e a súa participación plena na vida social, cultural e económica a través da creación de emprego de calidade e do fomento da empregabilidade. Independentemente da súa capacidade, o programa +Emprega ten o obxectivo de facilitar que estas persoas teñan acceso a oportunidades laborais dignas e satisfactorias.
A pasada convocatoria beneficiáronse destas achegas sete entidades pertencentes aos concellos da Guarda (San Jerónimo Emiliani), Nigrán (Juan María Empleo SL), Pontevedra (Asociación de Discapacitados Intelectuais Virgen de la O e Juan XXIII), O Porriño (Lume Emprego), Vigo (Grupo Sifu Galicia) e Vilagarcía de Arousa (BATA), que obtiveron un total de 55.000 euros.