A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, saudou este martes a un grupo de 24 alumnos e alumnas, xunto a varios docentes, do Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos do Campus de Lugo, que asistiron en directo aos Plenos ordinario e extraordinario celebrado no Pazo de San Marcos. Carmela López destacou a importancia de abrir as institucións á cidadanía, neste caso a Universidade, subliñando que “achegar a administración ao alumnado contribúe a reforzar a súa formación e fomentar unha maior cultura democrática”.
O estudantado seguiu desde a tribuna do Salón de Plenos o desenvolvemento da sesión plenaria, nunha visita que se enmarca na materia de Dereito Administrativo I. Esta actividade permitiulles coñecer de primeira man o funcionamento da administración provincial, a dinámica dos debates e o procedemento da toma de decisións.



