A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este domingo en Coruxo á terceira edición da Andaina do Maúxo convocada pola Asociación Española Contra o Cancro en Vigo como unha acción solidaria coa que recadar fondos para avanzar no seu obxectivo de acadar unha taxa de supervivencia do 70% en 2030. “Hoxe poñemos a proba non tanto a nosa condición física como a nosa solidariedade, porque hoxe non vai de quedar primeiros ou á cola senón de amosar o noso compromiso coa asociación na súa loita por apoiar as persoas que lamentablemente padecen esta enfermidade”, sinalou a vicepresidenta provincial.
Luisa Sánchez asegurou que “hoxe non é o día de sacar peito do compromiso da Deputación coa asociación, nesta actividade e tantas outras”, senón de “amosar a nosa solidariedade con quen o están a pasar mal e de amosar que existe un clamor social para que a investigación científica teña moitos máis recursos para facer fronte aos retos desta enfermidade tan grave”, sinalou a vicepresidenta, que agradeceu a todas as persoas que participaron na ruta solidaria: “sodes un exemplo para Vigo e a provincia”.