A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a unha boa representación das Mulleres Veciñais Lucenses, colectivo integrado na área de igualdade da Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti. O encontro serviu para a presentación oficial na institución do colectivo tras cumprir un ano da súa constitución. Durante a visita, Carmela López destacou a importancia do papel das mulleres para “acadar un movemento veciñal máis forte e dinámico” e recoñeceu a súa contribución á participación cidadá e á promoción da igualdade na provincia.
Mulleres Veciñais Lucenses, fundada en febreiro de 2025, naceu co obxectivo de dar maior visibilidade á muller na loita pola igualdade, apoiar a outras asociacións e atender as inquedanzas das veciñas da provincia. Actualmente, o colectivo conta con 13 integrantes que desenvolveron iniciativas centradas na igualdade, a formación, a convivencia e a participación cidadá.
As representantes do colectivo veciñal, encabezadas pola súa Presidenta, María del Carmen Casasnovas García, agradeceron o recibimento institucional e aproveitaron o encontro para trasladar á mandataria provincial propostas e compartir inquedanzas para seguir avanzando en políticas que reforcen o papel das mulleres no ámbito asociativo. Na reunión tamén participaron a secretaria María Balbina Campos; a tesoureira María del Carmen Suárez Cruz; responsable de propostas de actividades, María del Carmen Núñez Astariz; responsable de manualidades, Irene Pérez Gómez; responsable de relacións sociais, María del Carmen Verdes Peteira; responsable coas administracións, María Isabel López Vázquez Varela, e a vogal, Susana Vázquez Varela.



