Domínguez confirma que o altar da Virxe dos Desamparados de Santa Clara será trasladado a Santiago pola “incapacidade de Lores á hora de negociar a compra do convento”

adminON
Lectura mínima de 6

“O alcalde perpetrou, participou e firmou o maior espolio cultural da historia de Pontevedra, antepuxo o sectarismo, a súa ideoloxía, ao interese de manter un patrimonio artístico cultural de valor incalculable e intimamente ligado a Santa Clara e a Pontevedra” asegurou o vicepresidente provincial

Domínguez: “Lamento profundamente que o altar dos Desamparados, un lugar de referencia ao que acudían moitos pontevedreses en momentos de desesperación, abandone Pontevedra para irse a Santiago”

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de confirmar en conferencia de prensa en Santa Clara que o altar da Virxe dos Desamparados será trasladado a Santiago pola “incapacidade de Lores á hora de negociar a compra do convento”. Segundo destacou Domínguez, neste proceso de compra “o alcalde perpetrou, participou e firmou o maior espolio cultural da historia de Pontevedra, antepuxo o sectarismo, a súa ideoloxía, ao interese de manter un patrimonio artístico cultural de valor incalculable e intimamente ligado a Santa Clara e a Pontevedra e froito desta pésima xestión temos que ver como marcha de Pontevedra o Altar da Virxe dos Desamparados”.

As clarisas solicitaron a Patrimonio o seu traslado a Santiago, que acaba de concederllo. Tal e como adiantou o vicepresidente provincial, “a intención das clarisas é trasladalo proximamente, para telo cerca e renderlle culto” e detallou que “en calquera momento poderían solicitar tamén o traslado do altar maior, dos altares laterais, do coro ou incluso do órgano que pertencen ao convento de Santa Clara porque Lores así o decidiu, privando a Pontevedra dun dos maiores patrimonios culturais, relixiosos e artísticos dos que dispoñía”. “Lamento profundamente que o altar dos Desamparados, un lugar de referencia ao que acudían moitos pontevedreses en momentos de desesperación, abandone Pontevedra para irse a Santiago”, remarcou Domínguez, polo que “estamos en negociacións para que todas esas pezas non marchen da nosa cidade”.

Este traslado do altar da Virxe dos Desamparados súmase ao “espolio” iniciado trala compra do convento de Santa Clara. “Permitiuse –recordou Domínguez, que un enorme número de obras de arte fose roubado aos pontevedreses” e, no proceso, Lores “non puxo ningún interese en que esas obras de arte seguisen na nosa cidade”. Deste xeito, o vicepresidente recordou que ata a data as clarisas puideron levar ata Santiago pezas situadas no altar maior como a imaxe de San Miguel Arcanxo, en madeira policromada e dourada, do ano 1734; da Asunción de María, tamén de madeira policromada e da mesma data, que presidía o altar; do Cristo crucificado de madeira policromada do século XVIII; a imaxe de San Fernando tamén policromada e do ano 1734; de San Francisco de Asís, de San Antonio de Padua, de Santa Clara, de San Vicente Mártir, unha imaxe de relicario situada nunha urna acristalada na parte baixa do altar do retablo maior ou, entre outras, de varios anxos do século XVIII situados na parte superior do retablo e a carón da imaxe da Asunción que presidía o retablo maior.

Tamén do retablo da Inmaculada Concepción leváronse unha parella de anxos do século XVIII de madeira policromada e dourada, unha imaxe de Santa Úrsula e outra de Santa Bárbara, do ano 1538; outra de Santiago Apóstolo do segundo terzo do século XVIII; unha imaxe da Inmaculada Concepción do século XVIII e un Neno Xesús de Praga do século XIX, así como imaxes de San Rafael e Tobías, do século XVII; da Virxe do Carme, do século XIX; de San Xoan Bautista e San Benito, ambas do século XVIII; e de Xesús Nazareno, que en Semana Santa se situaba sobre o altar. E do retablo da Virxe dos Desamparados, que ten aprobado o seu traslado a Patrimonio, leváronse unha parella de Santos de 1738, un cadro anónimo da Virxe dos Desamparados do século XVIII, unha parella de anxos do mesmo século, a figura de Santa Ana e San Xoaquín do mesmo período. Tamén imaxes da igrexa como San Xosé, unha escultura pétrea do século XIV e a figura de Santa Clara que se situaba no alto da fonte, no patio do convento. “Todas estas obras perdéronse xa para os pontevedreses –engadiu-. Todas foron separadas do entorno para o cal estaban destinadas e Lores é responsable da perda deste patrimonio histórico e cultural, de valor incalculable para Pontevedra”.

Ademais, tal e como explicou o vicepresidente provincial, “non sendo suficiente, Lores tamén pactou os prezos de venda do resto das pezas que hai agora mesmo no convento”. Deste xeito, recordou que o altar maior da Igrexa está valorado en 126.250 euros, os retablos da esquerda e dereita por 99.000 euros, o da Virxe dos Desamparados, reclamado agora polas clarisas, por 74.000 €, o púlpito por 22.000 euros, o coro por 14.000€ e o órgano por 135.000€.

Comparte este artigo