O mandatario provincial informa do encargo á Fundación dos Ferrocarriles Españoles do estudo para coñecer o estado actual da vía e o deseño do trazado, o que supón un novo paso adiante na tramitación dun proxecto estratéxico abandeirado pola Deputación
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia a adxudicación do plan de viabilidade para o proxecto de construción dunha vía verde entre Pontevedra e Redondela polos treitos en desuso da antiga vía do tren á Fundación dos Ferrocarrís Españoles, unha entidade de referencia a nivel nacional na reconversión de antigos trazados ferroviarios en sendas peonís. “Seguimos traballando no proxecto e aproveitando a oportunidade que se nos abre, toda vez que o Ministerio de Transportes, a través do Adif, amosou a súa disposición a ceder as vías deste treito”, afirmou o mandatario provincial na habitual conferencia de prensa que realiza cada venres ao remate da Xunta de Goberno.
Esta Fundación asume o encargo para realizar un estudo que analizará cuestións fundamentais para a execución do proxecto como o estado actual da vía, as alternativas de trazado e un deseño preliminar, a dispoñibilidade xurídica do trazado proposto, os servizos complementarios e a potencialidade da vía en canto a patrimonio cultural e entorno natural.
A adxudicación deste proxecto supón un novo paso adianta no impulso dun proxecto que é estratéxico para a provincia e que abandeira o goberno de Luis López co obxectivo intermediar con todas as administracións implicadas nun proxecto complexo que ten como obxectivo final unir as cidades de Vigo e Vilagarcía cunha senda peonil e verde polo antigo trazado da vía do tren.