- ESTE EXEMPLAR PERTENCE A J. FERNANDO GARCÍA E DAVID CID, DE MADRID
- ORGANIZADO POLA SOCIEDADE CANINA GALEGA, NESTE CONCURSO DE BELEZA CANINA PARTICIPARON MÁIS DE 400 CANS DE DISTINTOS PUNTOS DE ESPAÑA, PORTUGAL E FRANCIA
A cadela de raza whippet Enolacans Elisabeth Queen, alzouse hoxe como campioa da 113ª Exposición Nacional Canina na Feira na Internacional de Galicia ABANCA, a cal se disputou neste recinto feiral dende primeira hora da mañá.
Este exemplar, que é o Best in Show de toda a Exposición, pertence J. Fernando García e David Cid, de Madrid. O segundo posto foi para o teckel miniaturo de pelo duro Tragaldabas Donato, propiedade de Pablo Gómez, de A Coruña, mentres que o terceiro acadouno o carlino Diabolbric´s Starligth City, de Mireia Cabre, de Málaga.
Estes exemplares foron elixidos como os mellores da Exposición nas finais da categoría de “Adultos”, ás cales poden optar tamén os exemplares con mellor puntuación das restantes categorías, excepto “Moi Cachorros” e “Cachorros”.
Ademais, tamén se elixiu aos tres mellores nas categorías “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xóvenes”, “Veteranos”, “Razas Española”, “Parella” e “Grupo de Cría”.
En canto a “Mellor Parella” foi a composta polos whippet Enolacans Gandalf The Wizard e Enolacans Greta La Garbo, de J. Fernando García (Madrid), mentres que o “Mellor Grupo de Cría” foi o composto polos whippet Enolacans Gandalf The Wizard, Enolacans Duncan Dhu, Enolacans Elisabeth Queen e Enolacans Audrey Hepburn. O “Mello Moi Cachorro” foi a bullmastiff Carmina Burana de Guardianas de Auria, de Yago Blanco (Ourense) ao tempo que o título de “Mellor Cachorro” foi para o bulldog inglés Major Bulldogs Quillan, de Juan Manuel López (Pontevedra).
Respecto a “Mellor Xoven”, acadouno o teckel miniaturo de pelo duro Tragaldabas Donato, de Pablo Gómez (A Coruña), sendo o “Mellor Veterano” o american staffordshire terrier Karballido Staffs Ozzy, de Juan Carlos Ruiz (Burgos). Respecto a “Razas Españolas”, o vencedor foi o presa canario Atila Guadalcans de Casa Malik, de Felipe Llano (Sevilla).
Por outra banda, a Mellor Presentadora Infantil foi Claudia García coa súa caniche xigante branca mentres que a Mellor Presentadora Xuvenil recaeu en Valeria López co seu cockel spaniel inglés.
Neste concurso, que ten como obxectivo buscar aos exemplares máis semellantes aos estándares da Federación Cinológica Internacional (FCI) e así recoñecer aos mellores cans para a cría, participaron máis de 400 exemplares procedentes de distintos puntos de España e tamén Portugal e Francia. Foron valorados por oito xuíces de España, Italia, Serbia e Finlandia, que tiveron en conta a morfoloxía, movementos e carácter dos cans.
Esta cita, organizada pola Sociedade Canina Galega, é de máximo nivel, xa que as Exposicións representan a categoría máis alta dentro deste tipo de concursos. Os participantes tamén optaban nesta competición a conseguir puntos para o Campionato de España.
Monográficos e probas de ADN
Ademais desta proba, hoxe este evento da Sociedade Canina Galega acolleu varios concursos monográficos das razas Setter Inglés, Schnauzer, Pinscher, Bulldog Francés e Can Pastor Holandés.
Por outra banda, por primeira vez este evento ofreceu hoxe aos participantes, e volverá facelo mañá, que, aproveitando a súa presenza, poidan realizar probas de ADN aos seus animais. Dende o pasado 1 de xaneiro estas son obrigatorias para a acreditación de pedigrí.
Mañá, competición nacional e internacional
Mañá disputaranse no recinto feiral a 114ª Exposición Nacional Canina e a 51ª Exposición Internacional Canina, nas que participarán máis de 500 animais e os gañadores serán comúns a ambas probas.