“Temos incrementado o orzamento deste programa porque para nós é fundamental impulsar iniciativas que permitan rachar coas barreiras e coa discriminación para o avance desta provincia extraordinaria”, remarcou o presidente da Deputación
Luis López acaba de anunciar que a Xunta de Goberno deu luz verde á convocatoria e bases reguladoras do programa Provincia +Inclusiva, dotado con 210.000 euros para promover a accesibilidade universal. O presidente da Deputación remarcou que o orzamento incrementouse este ano en 30.000 euros con respecto ao 2024 porque “para nós é fundamental impulsar iniciativas que permitan rachar coas barreiras e coa discriminación para o avance desta provincia extraordinaria”.
Provincia +Inclusiva trátase dun programa que na súa primeira edición beneficiou a 19 entidades sen fins de lucro para rachar coas barreiras arquitectónicas, impulsar sistemas inclusivos de comunicación e favorecer a participación activa de todas as persoas nos diferentes ámbitos da sociedade. Ademais do incremento orzamentario, que pasou dos 180.000 do 2024 aos 210.000 euros deste ano, esta segunda edición do programa ábrese a entidades de toda a provincia que poderán recibir ata 10.000 euros, sempre que non se supere o 80% do orzamento do proxecto.
Cos recursos provinciais, as entidades sen fins de lucro da provincia beneficiarias poderán afrontar melloras da accesibilidade en inmobles da súa titularidade ou os custes da redacción das memoria técnica destes proxectos, adquirir sistemas de comunicación que garantan a inclusión das persoas beneficiarias da asociación ou axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e o coidado persoal como, entre outras, camas articuladas, colchóns antiescaras e cadeiras de rodas. O prazo para poder solicitar as axudas será dun mes desde a publicación das bases de Provincia +Inclusiva e do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.