O mandatario provincial, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez e o deputado Javier Tourís, adianta nun encontro con representantes veciñais na Sede de Vigo a suba dos orzamentos dos plans Provincia Comunitaria, +Aqua e Novaqua
Apoio histórico da Deputación ao movemento veciñal: “Está a ser tal o volume de solicitudes que recibimos, que lonxe de conformarnos cos extraordinarios resultados acadados, multiplicamos a nosa aposta polo movemento veciñal”, sostén López
“Síntome moi orgullosa de pertencer a este goberno provincial, que actúa para dar resposta ás necesidades desta provincia. Recuperar os plans de Acción Comunitaria foi todo un acerto”, afirma a vicepresidenta Luisa Sánchez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia un incremento dos programas de Acción Comunitaria —Provincia Comunitaria, +Aqua e Novaqua— ata os 5 millóns de euros a través dunha modificación orzamentaria que o organismo provincial aprobará no vindeiro pleno do 30 de maio. Acompañado pola vicepresidente Luisa Sánchez e o deputado Javier Tourís nun encontro con representantes do movemento veciñal na Sede de Vigo da Deputación, o dirixente reforza o compromiso do goberno provincial coas entidades veciñais cun esforzo investidor sen precedentes no eido da cooperación co tecido asociativo que busca atender case a totalidade das solicitudes presentadas a estes tres programas. “Está a ser tal o volume de solicitudes que recibimos, que lonxe de conformarnos cos extraordinarios resultados acadados, multiplicamos a nosa aposta polo movemento veciñal. Compráceme enormemente anunciar hoxe que a Deputación de Pontevedra vai incrementar os recursos destinados ás entidades veciñais ata a cifra histórica de 5M€ este ano: máis do dobre do orzamentado inicialmente”, adiantou o presidente da Deputación.
Na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de maio, a Deputación aprobará unha modificación de crédito que inclúe o reforzo das partidas orzamentarias para os plans Provincia Comunitaria, +Aqua e Novaqua. Deste xeito, a dotación do programa Provincia Comunitaria pasará dos 1,15M€ presupostados inicialmente a 2,3M€ para cubrir, cunha achega de 6.000 a 10.000€ por entidade, a maior parte posible dos proxectos de mellora dos locais sociais e modernización de equipamentos presentados por estes colectivos a unha liña de axudas que na súa primeira edición repartiu 1,6M€ entre 170 asociacións.
A mesma sorte correrá o plan +Aqua, cuxo orzamento increméntase desde os 1,15M€ iniciais ata os 2,3M€. Trátase dunha liña de axudas pioneira, que recibiu o recoñecemento do Ministerio de Dereitos Sociais, dirixidas a comunidades de usuarios de auga da provincia que busca a mellora dos sistemas de captación, control e consumo deste recurso. Unha iniciativa de éxito que o ano pasado, na súa primeira edición, rompeu todas as expectativas ao repartir 1,6M€ entre un total de 173 comunidades.
O novidoso plan Novaqua, que se aprobou este ano por primeira vez co obxectivo de impulsar a regularización das traídas veciñais, cuadriplicará a súa dotación desde os 100.000€ iniciais ata os 400.000€.
Apoio sen precedentes ao movemento veciñal
“Queriamos máis beneficiarios, máis recursos e menos papeleo. Uns recursos nunca antes mobilizados cos que aspiramos a atender case todas as peticións, un total de 752, que recibimos este ano para estes tres plans”, resumiu o presidente Luis López, quen remarcou que “se á previsión inicial de récord de 2,4M€, lle engadimos esta inxección adicional de 2,6M€, situámonos nun investimento histórico de 5M€ para o movemento veciñal da provincia”.
O encontro entre os representantes do movemento veciñal de Vigo e a súa área serviu para afondar na alianza estratéxica instaurada polo goberno de Luis López co asociacionismo da provincia. “Sodes as entidades veciñais as que estades a dinamizar o territorio e as que contribuídos a afrontar o reto demográfico”, díxolles o dirixente antes de reafirmar o compromiso de colaboración con estas entidades. “O ostracismo inexplicable e inxusto que sufristes durante tanto tempo xa é pasado, agora tedes na Deputación un socio leal que corresponde ao voso labor non con agasallos nin esmolas, senón con programas de apoio que son un exercicio de responsabilidade institucional”, afondou López.
Un apoio provincial ao movemento veciñal que ten na vicepresidenta Luisa Sánchez e o deputado de Acción Comunitaria aos “mellores valedores da provincia”, recoñeceu o presidente. “Estamos a falar de máis recursos para o tecido asociativo da provincia, un tecido que en Vigo é un auténtico fervedoiro e uns recursos que como xa comprobamos demostraron que eran moi necesarios. Síntome moi orgullosa de pertencer a este goberno provincial, un goberno que pensa nas persoas e actúa para dar resposta ás necesidades desta provincia. Recuperar os plans de Acción Comunitaria foi todo un acerto e agardo que poidamos seguir impulsando ano tras ano estas liñas de axudas fundamentais”, afirmou a vicepresidenta Luisa Sánchez. Nun sentido similar se pronunciou o deputado Javier Tourís, quen se referiu ao movemento veciñal como “o motor” dunha provincia “extraordinaria”.
Finalmente, o presidente quixo agradecer a todos os integrantes das asociacións veciñais presentes ou non neste acto o seu labor para construír unha provincia máis cohesionada, activa e xusta. “É imprescindible o que vides facendo desde hai anos. Seguiremos escoitándovos, seguiremos entendéndoos e seguiremos atendéndovos”, concluíu Luis López.