O presidente da Deputación salienta que esta actuación, posible grazas á subvención europea xestionada polo organismo provincial, suporá un importante aforro na factura da luz para as arcas municipais
A institución provincial destina este ano ao Concello dezán máis de 1,4 millóns de euros a través dos plans de cooperación provincial: +Provincia, PEID e Plan Extra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este martes o investimento de 263.000 euros para renovar un total de 276 puntos de luz no Concello de Rodeiro nunha actuación que modernizará o alumeado público e permitirá un importante aforro na factura da luz para as arcas municipais. O mandatario provincial deu a coñecer esta actuación nun acto celebrado no Teleclub da parroquia de Rañestras, acompañado polo alcalde Jose Luis Camiñas e membros da corporación municipal, onde se substituirán un total de 22 luminarias. “Presentamos un novo investimento que fala do compromiso da Deputación con concellos rurais como o de Rodeiro, coa modernización e mellora dos servizos e coa sustentabilidade e coidado do medio ambiente”, sinalou o dirixente provincial na súa segunda visita ao seu lugar de orixe en pouco máis dunha semana.
Un profundo proxecto de renovación e modernización do alumeado público, coa substitución de 276 puntos de luz con tecnoloxía LED que melloran a iluminación e a renovación das instalacións eléctricas que levan á redución do consumo eléctrico, que é froito da boa xestión do organismo provincial para conseguir unha subvención dos fondos DUS-5000 da Unión Europea para financiar o 85 % do orzamento, uns 224.000€. A Deputación completa o resto coa achega dun 39.500 euros, o 8 % que lle corresponde ao ente provincial máis o 7 % que lle correspondería ao Concello e o cubre con fondos do +Provincia.
Neste punto, o presidente da Deputación quixo salientar a importancia da colaboración entre administracións para poder executar proxectos transformadores. “A Unión Europea, que pon á disposición da Deputación os recursos necesarios para modernizar o alumeado; o Concello, socio imprescindible para completar o financiamento e facilitar a execución do proxecto; e a Deputación, que ademais de completar a financiación da obra, foi quen de presentar un proxecto maduro e traballado”, sinalou o dirixente sobre unha subvención da que se beneficiarán outros nove concellos da provincia (A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Dozón, Fornelos de Montes, Pontecesures, Ribadumia, Silleda e Tomiño).
O proxecto terá un impacto directo na mellora da calidade de vida da veciñanza ao incrementar a eficiencia enerxética e a seguridade viaria. Esta actuación súmase ás xa realizadas recentemente en Rodeiro como a humanización da Rúa B, ao abeiro do programa PON2030; ou a mellora das pistas de pádel, a través das dúas edicións do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Todas enmarcadas no compromiso provincial para garantir que todos os concellos dispoñan de servizos públicos modernos e de calidade.
Finalmente, o presidente provincial lembrou que a achega global da Deputación ao Concello de Rodeiro para este 2025 non se limita a este proxecto de mellora da eficiencia enerxética, senón que ascende a máis de 1,4 millóns de euros a través dos diferentes plans de cooperación como o +Provincia, o segundo PEID e o Plan Extra.