HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López anuncia que por vez primeira na historia da Deputación a...

Luis López anuncia que por vez primeira na historia da Deputación a provincia terá un mostrador propio na feira World Travel Market de Londres

- Anuncio -spot_img

O presidente avanzou que “entre o 4 e o 6 de novembro divulgaremos a oferta turística de Rías Baixas nun mercado, o británico, que é o segundo país emisor de turistas estranxeiros a Galicia”

A provincia levará Cando volves? ás pantallas da Gran Vía de Madrid entre o 24 e o 30 de novembro

A próxima semana terán lugar os workshops de turismo en Zaragoza e Barcelona, coa participación de 25 empresas da provincia que se reunirán cun cento de axentes emisores

Luis López acaba de anunciar en conferencia de prensa que por vez primeira na historia da Deputación a provincia terá un mostrador propio na feira World Travel Market (WTM) de Londres, unha das principais citas profesionais da industria turística mundial. O presidente do organismo provincial avanzou que “entre o 4 e o 6 de novembro divulgaremos a oferta turística de Rías Baixas nun mercado, o británico, que é o segundo país emisor de turistas estranxeiros a Galicia”.

López avanzou que coa presenza da Deputación de Pontevedra nesta feira británica preténdese “potenciar a visibilidade da provincia no mercado británico, xerar contactos profesionais con operadores turísticos, axencias de viaxes, compañías aéreas e medios especializados, reforzar a imaxe de Rías Baixas como destino turístico sostible, seguro e de calidade e reforzar a colaboración institucional con Turgalicia e Turespaña para seguir incrementando o turismo internacional na provincia”.

Cando volves? na Gran Vía de Madrid

Ademais de estar por vez primeira na feira WTM de Londres, a Deputación de Pontevedra tamén porá en marcha, por vez primeira, unha novidosa campaña de publicidade exterior na Gran Vía de Madrid que estará protagonizada polo premiado audiovisual Cando volves? A campaña, tal e como explicou o presidente provincial, poderá verse entre o 24 e o 30 de novembro no circuíto de pantallas dixitais desta famosa rúa madrileña e en edificios estratéxicos como o Capital ou o teatro Gran Vía, a carón dos que transitan cada semana 950.000 persoas e cada día 15.000 vehículos e 200 autobuses.

Workshops en Zaragoza e Barcelona

Ademais,  o presidente recordou que a próxima semana a promoción do destino Rías Baixas chegará a Zaragoza e Barcelona cos workshops turísticos. Serán o 29 de outubro no Mobility City Centro de Congresos de Zaragoza e o 30 de outubro en Casa Rius de Barcelona e neles 25 empresas da provincia reuniranse cun cento de axentes emisores xerando, en palabras do presidente, “oportunidades de negocio reais e de impacto inmediato”.

Xunto aos encontros profesionais terá tamén lugar unha presentación do destino Rías Baixas nun acto conducido pola xornalista Rocío Padín que contará coa actuación musical de Carolina Vázquez e cunha degustación gastronómica da man de Salmoira: o catering do mar.

“Con estas iniciativas -asegurou o presidente provincial- estamos contribuíndo a que esta provincia sexa un destino desestacionalizado, internacionalizado, sostible e de calidade e a impulsar Rías Baixas como nunca antes se fixera”.

Publicacións Relacionadas