A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada pola concelleira de Medio Ambiente Laura Méndez, presentou hoxe no Concello a posta en marcha do novo Punto Limpo móbil, un servizo pioneiro no municipio que achegará a recollida selectiva de residuos ás dez parroquias mosenses, evitando desprazamentos e facilitando a participación da veciñanza na reciclaxe e na economía circular.
Esta iniciativa conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 13.455 euros, no marco das axudas destinadas a entidades locais para actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – NextGenerationEU.
“Este novo Punto Limpo móbil é un paso máis no compromiso de Mos coa sustentabilidade, coa reciclaxe responsable e coa mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”, afirma a alcaldesa Nidia Arévalo.
O Punto Limpo móbil é un vehículo adaptado e compartimentado para a recollida de pequenos residuos domésticos, como pilas, lámpadas, aceite usado, roupa, xoguetes, electrodomésticos pequenos ou envases contaminados, entre outros. O servizo é de balde e está destinado exclusivamente a veciños e veciñas de Mos.
Os residuos que se poden depositar nel son: tubos fluorescentes e outros residuos con mercurio, envases baleiros que contiveran disolventes, pinturas, vernices, etc., botes de aerosois, pilas e baterías, trapos, papeis e absorbentes contaminados, CD/DVD, aceites de cociña, roupa e calzado, xoguetes e obxectos plásticos, pequena chatarra e pequenos electrodomésticos, lámpadas LED, tóner e cartuchos de tinta, produtos informáticos en desuso (móbiles, teclados, tablets…).
Calendario e puntos de recollida
O Punto Limpo móbil funcionará todo o ano, a partir da segunda quincena de outubro, cunha ruta establecida que percorre todas as parroquias.
Meses impares (xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro, novembro):
Día do mes Parroquia Lugar
1-5 Mos Pazo de Mos
6-8 Cela Xunto á Igrexa
9-11 Cela Centro Cultural Herville
12-14 Pereiras San Rafael
15-17 Pereiras Centro Cultural Os Castros
18-22 Petelos Multiusos de As Pozas
23-26 Tameiga Urb. San Eleuterio
27-30/31 Tameiga Alto Puxeiros
Meses pares (febreiro, abril, xuño, agosto, outubro, decembro):
Día do mes Parroquia Lugar
1-5 Sanguiñeda Avda. de Sanguiñeda
6-8 Sanguiñeda Amieirolongo
9-11 Louredo Local Social A Cividade
12-14 Louredo/Guizán Santiaguiño
15-17 Guizán Plantel
18-22 Dornelas Local Social
23-26 Torroso Peinador
27-30/31 Torroso Centro Dotacional
Melloras no Punto Limpo fixo da Veigadaña
Paralelamente, o Concello está a modernizar o Punto Limpo fixo da Veigadaña, cun investimento de 35.414,96 euros, dos cales o 90% está subvencionado pola Xunta de Galicia.
As obras inclúen a ampliación dos almacéns, instalación de portas e soportes metálicos, mellora da iluminación exterior e limpeza de muros, ademais de incrementar a capacidade de almacenaxe de residuos ata un 100% nalgúns casos.
Entre as novidades máis destacadas figura a posta en marcha dunha biotrituradora para transformar restos vexetais en compost caseiro, que poderá ser recollido gratuitamente pola veciñanza.
O Concello de Mos tamén prevé activar un programa de reparación e reutilización de pequenos electrodomésticos, acompañado de formación específica para o persoal do Punto Limpo en materia de economía circular.
Estas actuacións en materia de residuos están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – NextGenerationEU, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.



