O presidente provincial remarca o impulso dos recursos da Deputación para executar proxectos estratéxicos que melloran as infraestruturas e os servizos municipais
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Covelo a través dos plans de Cooperación supera os 1,17 millóns de euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, para a urbanización dunha parcela de máis de 9.000 metros cadrados no centro urbano da vila incluída no Plan Especial de Reforma Interior do Ámbito de Solo Urbano non Consolidade (PEU-1) do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Castillo selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega preto de medio millón de euros a un proxecto valorado en 586.500 euros, dos que o Concello achega os 88.000 euros restantes. Un apoio que, segundo sinalou o mandatario provincial, permitirá mellorar as infraestruturas e os servizos municipais prestados á veciñanza deste concello do interior da provincia.
O proxecto céntrase na urbanización dunha parcela cunha superficie de 9.128 metros cadrados na que está previsto rematar a estrutura urbana da vila polo noroeste, a creación de aparcadoiros disuasorios para fomentar a mobilidade peonil no centro da vila, a reordenación do espazo público e a mellora da imaxe, da accesibilidade e dos elementos patrimoniais. Ademais, contémplase a ampliación da anchura da rede viaria e das beirarrúas.
A colaboración da Deputación co Concello de Covelo non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis arredor de 1,17M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.