Un acordo a través do cal a Deputación achega un total de 2M€, o 73 % do orzamento, para sufragar o 100 % da obra de Luis Seoane, valorada en 370.000€; e achegar 1,7M€ dun total de 2,3M€ para a mellora da eficiencia enerxética destes dous populosos barrios
O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, reafirma o compromiso a Deputación coa cidade de Pontevedra, na que leva investidos 30M€ en 28 meses de goberno: “Inxectamos na cidade máis de 1M€ ao mes”, remarca López
Os orzamentos provinciais do vindeiro ano 2026 incluirá unha partida de 300.000€ para a organización da gala dos Premios Feroz e outra de 100.000€ para a final das series mundiais de tríatlon que se celebrarán na capital da provincia
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar este mércores dous convenios de colaboración co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a través dos cales o organismo provincial achega un total de 2 millóns de euros para sufragar máis do 73 % do custo de dous proxectos: a mellora da accesibilidade na rúa Luis Seoane, valorada en 370.000€ e financiada completamente polo organismo provincial; e a renovación da iluminación na zona norte e leste da cidade, centrada principalmente nos barrios de Valdecorvos e A Parda cun importe de 2,3M€ dos que a Deputación achega 1,6M€. O Concello, pola súa banda, achega as cantidades restantes para completar o orzamento destas actuacións. “Son dúas actuacións elixidas polo goberno municipal en base a súa autonomía local que financia a Deputación de Pontevedra na súa maioría. Son feitos contables que certifican a liña de entendemento entre Concello e a Deputación que é o que nos piden os veciños e que estamos a dar cumprimento”, sinalou o presidente Luis López.
O acto de sinatura destes dous acordos tivo lugar no Pazo provincial e contou coa presenza tamén do vicepresidente Rafa Domínguez e o tenente de alcalde de Pontevedra e deputado provincial, César Mosquera. A confirmación dun novo investimento da Deputación na capital da provincia que confirma o compromiso do goberno provincial co desenvolvemento de proxectos de interese xeral para a cidadanía. Así, repasou López, ao longo destes dous primeiros anos de mandato a Deputación leva investidos na cidade 30 millóns de euros, dos que sobresaen os 16,4M€ investidos no Museo, o 1,6M€ para a recuperación da Bienal, os 1,7M€ para a estrada de Tomeza a Figueirido ou os recursos mobilizados para colaborar con entidades deportivas, culturais e veciñais, así como os contactos para traer por primeira vez a Pontevedra a obra mestra de Castelao, “A derradeira lección do mestre”.
Un millón de euros ao mes
“Contando precisamente estas dúas actuacións, en 28 meses de goberno levamos mobilizados máis de 30 millóns de euros en beneficio da cidade de Pontevedra e de todos os pontevedreses. Dito doutro xeito, o goberno que teño a honra de presidir inxecta na cidade de Pontevedra máis dun millón de euros ao mes”, subliñou o dirixente provincial, quen recoñeceu que moitos rexedores doutros concellos da provincia lles gustaría tamén desfrutar da excepcionalidade que ten o Concello de Pontevedra á hora de recibir recursos provinciais. “Entendo perfectamente que os alcaldes sempre esixan máis. O alcalde Lores non é unha excepción entre os rexedores da provincia que piden apoio da Deputación. De feito, moitos me trasladan que oxalá a Deputación investira estes 30 millóns de euros nos seus concellos”, confesou López.
Unha colaboración co Concello de Pontevedra que non se detén e que conta xa con investimento comprometidos para o vindeiro ano. Deste xeito, adiantou o presidente Luis López que a Deputación colaborará na organización da gala de entrega dos Premios Feroz e na organización da gran final das series mundiais de tríatlon cunha aportación de 300.000 e 100.000 euros, respectivamente. “Estamos a realizar un traballo interno importante para a redacción do orzamento do ano 2026 e, a petición do vicepresidente Rafa Domínguez, incluirá investimentos que teñen que ver coa cidade de Pontevedra”, explicou López en referencia á colaboración con estes dous eventos. “A da colaboración e o entendemento coas administracións é a liña que debemos seguir porque así nolo reclaman os veciños. Pola nosa parte, só pensamos en seguir colaborando coa cidade de Pontevedra”, concluíu o presidente da Deputación.