O presidente provincial, acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, asina co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o convenio para crear unha senda peonil, redistribuír os espazos e reforzar a seguridade viaria nun treito dun quilómetro
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca os 1,2 millóns de euros destinados á mellora da mobilidade peonil e a seguridade viaria na estrada provincial EP-9208, entre as localidades de Noalla e Aios, no concello de Sanxenxo; como unha nova mostra do compromiso do goberno provincial coa modernización da rede viaria e da cooperación cos concellos. Acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, o mandatario provincial vén de asinar este xoves co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, un convenio para a construción dunha senda peonil de case un quilómetro de longo nesta estrada para a que a Deputación achega o 80 % do custo total da obra, uns 950.000 euros.
“Estamos en pleno Nadal, pero nin por estas datas o traballo e compromiso da Deputación coa mellora das nosas estradas afrouxa. Ao contrario, son días nos que nos desprazamos máis ca nunca para visitar á familia ou seres queridos. Días que nos fan tomar aínda máis conciencia do importante que é contar cunha rede de estradas modernas e seguras. Os avances e melloras na nosa rede de estradas provinciais non poden esperar. E hoxe asinamos co Concello de Sanxenxo un novo acordo de colaboración para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9208 entre Noalla e Aios”, afirmou o presidente Luis López antes de asinar o acordo para realizar unha actuación moi agardada pola veciñanza de Noalla e que coincide coa conmemoración do día de San Esteban, patrón desta parroquia sanxenxina.
O proxecto céntrase na creación dun itinerario peonil duns 960 metros de lonxitude na marxe dereita da estrada cun ancho de 2,50 metros e inclúe tamén unha redistribución dos espazos existentes na plataforma para dar máis seguridade a peóns e condutores, así como a renovación das paradas de autobús e outras actuacións como novos pasos de peóns elevados, renovación da rede de drenaxe, alumeado público e colocación de mobiliario urbano.
Non é a primeira acción de colaboración entre a Deputación e o Concello de Sanxenxo en materia de infraestruturas viarias. Recentemente, o organismo provincial levou a cabo labores de mellora do firme e creación de cunetas de seguridade por valor de 45.000 euros nas estradas EP-9201 entre Sanxenxo, Bordóns e Samieira; ou na EO-9206, entre Portonovo e Vichona, treito este último no que está en fase de licitacións a obra de mellora da seguridade viaria valorada en 170.000 euros.