O presidente provincial, acompañado polo alcalde e deputado Jesús Vázquez Almuíña, participa na posta en marcha dun proxecto valorado en 580.000 euros e financiado por completo pola Deputación a través dos programas PON2030 e +Provincia
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebra o inicio das obras de humanización da Praza Victoria Cadaval de Baiona, un proxecto valorado en 580.000 euros e financiado ao 100 % polo organismo provincial a través dos programas Pon2030 e +Provincia. O mandatario provincial, acompañado polo alcalde e deputado, Jesús Vazquez Almuíña, vén de participar este xoves no Multiusos de Sabarís no acto de comezo duns traballos que estarán rematados este mesmo ano 2025. “Hoxe é un día para celebrar porque trasladamos os proxectos do papel ao terreo, porque estamos ante unha nova mostra do compromiso da Deputación por executar obras que transforman e modernizan os espazos urbanos e, sobre todo, porque a colaboración entre o Concello de Baiona e a Deputación dá os seus froitos”, afirmou o dirixente provincial.
Con este acto conmemorativo póñense en marcha uns traballos que servirán para humanizar a Praza Victoria Cadaval de Baiona para convertela nun espazo máis accesible, funcional, integrador e verde. O financiamento da obra corre a cargo da Deputación, que achega un total de 464.500 euros a través do programa PON2030; e os 116.150 euros restantes, a través do +Provincia.
Neste sentido, recoñeceu Luis López o papel decisivo que desempeñou o alcalde Jesús Vázquez Almuíña para que este proxecto se fixera realidade. “ É o doutor que soubo aplicar o tratamento que Baiona precisaba para volver brillar como unha das grandes xoias das Rías Baixas, é o profesional que mantén en plena forma a parte administrativa da Deputación e que xoga un papel clave para a asistencia aos concellos e é o mellor alcalde que unha vila coma Baiona podería ter, pola experiencia que ten e o exemplo de xestor que é”, eloxiou o presidente Luis López.
Por outro lado, o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación para manter este ano a liña de traballo do anterior. “Comezamos o 2025 como rematamos o 2024, poñendo en marcha proxectos transformadores”, sinalou o presidente facendo referencia a programas de cooperación municipal impulsados desde o ente provincial como o +Provincia, a segunda edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou o novidoso Plan Extra, a través do cal Baiona poderá recibir ata un máximo de 700.000 euros.
Despois de recoñecer o labor do goberno local e reiterar a vontade da Deputación de seguir colaborando cos 61 concellos da provincia, o presidente Luis López reafirmou “o compromiso da Deputación para ir facendo unha provincia moito máis forte, xusta e competitiva”.