HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López convida aos 74 estudantes de FP beneficiarios do programa Erasmus+...

Luis López convida aos 74 estudantes de FP beneficiarios do programa Erasmus+ a mellorar a súa formación e regresar á provincia con máis coñecemento e máis forza

- Anuncio -spot_img

O presidente da Deputación, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, recibe no Pazo provincial aos beneficiarios dun programa que dispón de 900.000€ de orzamento para que estudantes de FP fagan prácticas laborais en países da Unión Europea

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anima aos 74 estudantes de Formación Profesional que realizarán prácticas laborais en países da Unión Europea ao abeiro do programa Erasmus +, impulsado polo organismo provincial, a aproveitar a oportunidade para mellorar a súa formación e regresar á provincia máis preparados. “A posta en marcha deste programa permite que melloredes as vosas capacidades e iso vai ter un retorno moi importante para a provincia”, explicou o mandatario provincial que, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, recibiu no Pazo provincial aos beneficiarios deste proxecto formativo, que terá continuidade este ano cunha nova convocatoria.

“Facemos isto porque cremos en vós, porque nesta provincia hai moito talento e emprendemento e queremos apostar por vós”, declarou a vicepresidenta Sánchez para darlle a benvida aos asistentes a un acto no que coñeceron todos os detalles dun programa que dispón dun orzamento de 900.000€, dos cales 200.000 apórtaos a Deputación e o resto proceden de fondos europeos, para sufragar a estancia de 74 estudantes de Formación Profesional en países da Unión Europea durante un prazo de 4 a 6 meses. Os beneficiarios, pertencentes a 43 centros de 22 concellos da provincia, realizarán prácticas laborais relacionadas cos seus estudos en países como Italia, Portugal, Francia, Malta, Polonia, Irlanda, República Checa ou Noruega.

“A FP que temos en Galicia é modélica, unha referencia a nivel nacional”, afirmou o presidente antes de presentar o programa Erasmus + como un complemento para “que incrementedes as vosas competencias nos ámbitos formativos e lingüísticos”. O obxectivo final é “que volvades, queremos o voso talento aquí”, asegurou Luis López, quen ratificou o compromiso da Deputación “coa mocidade, co emprego e coa actividade económica”.

Neste sentido, lembrou o presidente a posta en marcha por primeira vez na historia da Deputación dun servizo específico para a Xuventude, desde o que se aproban plans para fomentar o emprego, a formación ou o ocio, así como a redacción dun Plan Estratéxico para a Xuventude que está en fase de elaboración. “Contamos coa vosa aportación”, díxolle o dirixente aos estudantes. Ademais, a vicepresidenta Sánchez presentou tamén o programa Smart Peme, para cando rematen a súa etapa formativa, como unha ferramenta para madurar os seus proxectos, recibir asesoramento e poñelos en marcha nos espazos reservados no polígono de Barro Meis para este fin.

“Na casa de todos os pontevedreses e pontevedresas que é a Deputación, a mocidade non só é futuro, é presente e tedes moito que aportar”, concluíu o presidente Luis López.

Publicacións Relacionadas