HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López e Rafa Domínguez inauguran a Bienal de Arte de Pontevedra...

Luis López e Rafa Domínguez inauguran a Bienal de Arte de Pontevedra que dará á cidade “101 días de explosión cultural” tras quince anos de ausencia

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial afirma que o certame organizado pola Deputación “converterá á cidade nunha das mellores exposicións europeas de arte contemporánea”

“Hai 15 anos, os pontevedreses tivemos un fracaso colectivo ao perder a Bienal. Recuperámola e custou moitísimo. Quero que adquiramos o compromiso de que esta Bienal vai continuar nos vindeiros anos. A Bienal vén para quedar”, sinala o vicepresidente da Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez inauguraron este sábado no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a XXXII Bienal de Arte de Pontevedra, unha explosión artística de 101 días de duración que converterá á cidade no “mellor museo de arte contemporánea ao aire libre de Europa”. Despois de 15 anos de ausencia, a mostra bianual de arte contemporánea máis antiga de España regresa a Pontevedra impulsada pola Deputación cun programa que comezou este venres co espectáculo de luz e son na fachada da capela da Virxe Peregrina da man do artista francés Patrice Warrener e se manterá, con exposicións e actividades permanentes, ata o 26 de setembro deste 2025. “Co regreso da Bienal podemos presumir con orgullo de que esta provincia é unha potencia cultural”, afirmou o mandatario provincial nun acto no que participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Coa presenza dunha representación dos artistas que participan na Bienal, así como representantes das corporacións da Deputación e do Concello de Pontevedra e integrantes do tecido cultural e social de Galicia, o acto oficial de inauguración de edición número 32 da Bienal de Pontevedra celebrouse no hall exterior do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Un acto que estivo conducido pola directora do Museo, Ángeles Tilve, e que contou coas intervencións do presidente da Deputación, Luis López, o vicepresidente Rafa Domínguez, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o comisario da Bienal, Antón Castro. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, foi o encargado de pechar o acto para continuar cunha visita institucional ás principais obras da mostra, expostas nunha sala temporal do Museo e que contou con guias de excepción: os artistas Manuel Casimiro, Gervasio Sánchez, Zehra Dogan e Eva Kotatkova, autores dalgunas das obras expostas.

“Xa é oficial. A Arte volveu e a Bienal de Arte de Pontevedra, a máis antiga de España, está de volta. E todos os pontevedreses e pontevedresas, os desta extraordinaria cidade do Lérez e os de toda a provincia, estamos de parabéns porque temos por diante 101 días de auténtica explosión artística, porque Pontevedra recupera o seu lugar na vangarda da creación artística contemporánea e porque esta Bienal fará de Pontevedra unha das mellores exposicións de arte contemporáneo ao aire libre de Europa”, celebrou o mandatario provincial, quen sostén que a Bienal é un acontecemento que reforzará a condición da provincia como potencia cultural. “Se Pontevedra xa era a provincia da cultura grazas ao Museo de Pontevedra, cos seus infinitos fondos e exposicións que baten récords; á recuperación de Santa Clara en Pontevedra e do Teatro Cine Fraga en Vigo, á programación dunha axenda cultural de calidade, diversa, en galego e descentralizada por toda a provincia; e á acollida de festivais de música e cinema que atraen cada ano a máis asistentes; co regreso da Bienal presumir con orgullo de que esta provincia é unha potencia cultural”, remarcou López.

O vicepresidente Rafa Domínguez, pola súa banda, referiuse á recuperación da Bienal como un soño feito realidade. “Hai case dous anos, en agosto de 2023, pouco despois de que o presidente Luis López me dese a súa confianza nomeándome vicepresidente e responsable do Museo, díxenlle: ‘Presidente, teño un soño, que é recuperar a Bienal de Pontevedra’. Miroume e díxome só unha palabra: ‘Adiante’”, lembrou o artífice do regreso desta Bienal, quen tamén amosou o agradecemento a todas as persoas e institucións que colaboraron para facela realidade. Neste punto, tanto López coma Domínguez recoñeceron tamén o importante apoio da Xunta de Galicia a través do presidente Alfonso Rueda. “Que honra poder contar co compromiso dun pontevedrés que ofreceu sempre o máximo apoio. O éxito da recuperación desta Bienal tamén é mérito seu”, agradeceu o dirixente provincial ao presidente Alfonso Rueda.

Por diante veñen 101 días de frenética actividade artística, tanto na cidade de Pontevedra como noutros concellos da provincia, a través dun novidoso programa de artes vivas que levará por primeira vez a programación da Bienal a Ponteareas, Vigo, Sanxenxo e O Grove, e ante os que o presidente Luis López convida a todas as persoas que estean na provincia a desfrutar da Bienal. “Son 101 días para presenciar en vivo e en directo como crean as súas obras os mellores artistas do mundo, para percorrer todos os recunchos desta cidade e empaparnos da humanidade e espírito crítico destas obras de arte, para espremer ao máximo a provincia e visitar Vigo, Ponteareas, O Grove ou Sanxenxo e para coñecer, a través de charlas e conferencias, as correntes artísticas e de pensamento globais”, concluíu compartindo unha reflexión lanzada polo vicepresidente: “Hai 15 anos, as e os pontevedreses tivemos un fracaso colectivo ao perder a Bienal. Recuperámola e custou moitísimo, polo que, diante de responsables de todos os partidos e de todas as administracións, quero pedirvos que adquiramos xuntos o compromiso de que esta Bienal vai continuar nos vindeiros anos, temos que traballar xuntos para que se manteña porque a Bienal vén para quedarse”, rematou Domínguez.

Programa da Bienal
A 32ª Bienal de Arte, que leva por lema “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”, conta con 13 sedes repartidas por Pontevedra – entre elas o Museo, o Sexto Edificio, O Pazo da Cultura, o Edificio Sarmiento, A Casa das Campás ou espazos urbanos- nas que se ofrecerá o traballo de 60 artistas de 28 nacionalidades, cunha forte presenza de voces femininas e creadoras emerxentes. As obras afondan en cuestións como a guerra, a memoria, a migración, a dor, a empatía ou a crise climática, sempre desde a ollada crítica e poética da arte contemporánea.

Completan a programación unha vintena de actividades paralelas –incluíndo cinema, obradoiros, conferencias, performance e artes vivas- que espallarán o espírito da Bienal a outras catro localidades da provincia, Ponteareas, Vigo, Sanxenxo e O Grove; reforzando o carácter descentralizado e expansivo do proxecto. A axenda completa con todos os actos pode consultarse na páxina web da Bienal, www.bienal.depo.gal/es/inicio

Publicacións Relacionadas