HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López estuda a implantación da rede Europe Direct na provincia cun...

Luis López estuda a implantación da rede Europe Direct na provincia cun punto de información móbil para achegar as oportunidades da UE aos pequenos e medianos concellos

- Anuncio -spot_img

O mandatario provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, presentou á xefa desta unidade da Comisión Europea, Ana Juárez, unha proposta que busca achegar coñecemento e informar sobre os programas comunitarios para o reto demográfico

Conclúe a viaxe institucional da Deputación a Bruxelas, na que o presidente amosou a súa preocupación ante o risco dun cambio de modelo na xestión dos fondos europeos nas que as entidades locais perderían protagonismo en favor dos estados membros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, estuda a implantación dun punto de información móbil da Rede Europe Direct polos concellos do reto demográfico da provincia  para achegar á cidadanía coñecemento sobre a Unión Europea e as oportunidades que ofrece para o executar proxectos transformadores nos concellos con menos poboación da provincia. A proposta xurdiu despois do encontro mantido polo mandatario provincia, acompañado polo deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, coa xefa adxunta da unidade de Impacto Local, Europe Direct e Redes da Comisión Europea, Ana Juárez; que serviu para poñer o peche á viaxe institucional a Bruxelas. “Foron xornadas moi produtivas, nas que abordamos asuntos de interese para a provincia, especialmente no tocante á xestión de fondos europeos”, valorou o presidente Luis López.

O obxectivo do goberno provincial despois deste último encontro de traballo pasa por implantar un punto de información móbil que rote polos concellos enmarcados na categoría de Reto Demográfico da provincia para achegar información sobre os programas que a Unión Europea ten en marcha para estas entidades locais e, ao mesmo, tempo, achegar coñecemento á veciñanza sobre as oportunidades de mellora de servizos e infraestruturas que promove a Unión Europea. “Falamos dunha iniciativa que encaixa na nosa estratexia de goberno, que é achegar a toda a veciñanza, viva onde viva, recursos e servizos do maior interese e calidade”, explicou o presidente sobre esta oficina móbil que xa se tiña posto en práctica con anterioridade en Finlandia.

Os centros de información Europe Direct son puntos de contacto locais que informan e responden en persoa a preguntas de todo tipo sobre cuestións europeas, tendo en conta o contexto local. Contan con persoal cualificado que mantén o contacto cos cidadáns mediante a organización de actos en centros escolares, debates con políticos locais e rexionais, ademais de facer presentacións en feiras e exposicións. Recollen máis dun millón de consultas ao ano, que serven aos responsables políticos europeos para saber de maneira directa das necesidades e preocupacións dos cidadáns.

Despois de tres xornadas de actividade con diversas reunións e encontros de traballo no Parlamento Europeo, o presidente da Deputación pecha unha viaxe institucional na que ultimou a adhesión do organismo provincial ao padroado da Fundación Galicia Europa e amosou o apoio do goberno provincial para manter o protagonismo das rexións e as entidades locais na xestión dos recursos comunitarios e a redución da burocracia no marco do debate sobre a regulación do vindeiro programa de fondos europeos para o período de 2028 a 2034 que se debate actualmente no Parlamento Europeo.

Unha cuestión que o presidente provincial abordou nun encontro con eurodeputados do país integrantes da Comisión de Desenvolvemento Rexional na que amosou a súa preocupación ante o risco dun cambio de modelo na xestión dos fondos europeos no que as entidades locais perderían peso en favor dos estados membros. “Somos un goberno municipalista e defendemos a autonomía e a capacidade dos alcaldes e alcaldesas para xestionar os seus recursos”, defendeu o presidente, quen fixo fincapé no “bo funcionamento” que ten demostrado este modelo ao longo dos últimos anos. Algo que contrasta cos problemas dun mecanismo máis centralista como o aplicado no reparto dos fondos Next Generation, que “non foron todo o áxil que debía ter sido”, concluíu Luis López.

Publicacións Relacionadas