O dirixente provincial preside o acto de gradación do Grao de Enfermaría, que se celebrou este venres no salón de plenos do Pazo Provincial
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu os parabéns á nova promoción de enfermeiras e enfermeiros da provincia que este venres celebraron no Pazo provincial o seu acto de gradación. “É un orgullo e unha alegría que este Salón de Plenos, onde se toman decisións importantes para o porvir da provincia, sexa tamén o lugar no que celebremos o voso futuro. Vexo nas vosas caras a ilusión que acompaña os grandes momentos da vida, esa mestura entre nervios e emoción. Felicítovos por chegar á meta desta carreira e deséxovos moito ánimo, ganas e forza para afrontar un futuro tan bonito e prometedor, como duro e esixente”, díxolles o mandatario provincial aos novos graduados para clausurar o acto de fin de curso da Escola de Enfermaría, que pertence á Deputación e está adscrita á Universidade de Vigo.
Lembrou o dirixente provincial a estreita relación que una á Deputación coa titulación de enfermaría. “Acoller nesta Casa de todos os pontevedreses, o acto de gradación dunha nova xeración de enfermeiras e enfermeiros é igual de especial e importante que a primeira. Aquela que saíu no ano 1974 da antiga Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios da Cruz Vermella que impulsou esta Deputación de Pontevedra e que foi o xerme da actual Escola de Enfermaría, da que cada ano saen cara os nosos hospitais, centros de saúde, residencias e demais centros sanitarios, uns profesionais coma vós”, enxalzou o presidente nun acto no que participaron dirixentes da Universidade de Vigo e desta titulación e no que se entregaron diplomas e becas aos titulados.
Neste sentido, o titular do goberno provincial reafirmou o compromiso da Deputación de seguir apoiando á Escola de Enfermaría e seguir acompañando aos titulados e tituladas, tanto na etapa formativa como no mundo laboral. Así mesmo quixo recoñecer tamén o labor dos profesores, da universidade de Vigo, dos profesionais do Hospital Provincial, centro no que se forman os estudantes de Enfermaría; e do Sergas. “Un sistema de saúde e de educación pública que na nosa provincia e en Galicia é sinónimo de calidade, profesionalidade e excelencia”, afirmou López.
“Deséxovos un feliz verán e agardo que teñades unha traxectoria profesional plena, frutífera e feliz. E pola miña banda, eu quedo moi tranquilo porque os que imos sumando anos, sabemos que con profesionais coma vós, estamos en boas mans”, rematou o presidente da Deputación, Luis López.