“Esta foi a derradeira obra que Jorge Canda impulsou como alcalde da Lama; unha actuación transformadora, moderna e que supón un antes e un despois no impulso dun novo modelo urbano para o concello”, subliñou o presidente provincial
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello da Lama a través dos plans de Cooperación é de preto de 1,2 millóns de euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de participar no emotivo acto de inauguración da rúa Jorge Canda, financiada integramente pola Deputación de Pontevedra, con 337.000 euros. “Esta foi a derradeira obra que Jorge Canda impulsou como alcalde da Lama”, asegurou o presidente provincial quen engadiu que se trata “dunha actuación transformadora, moderna e que supón un antes e un despois no impulso dun novo modelo urbano para o concello”.
A actuación promovida cos recursos provinciais transformou esta contorna da Lama nun espazo máis funcional, seguro e adaptado ás necesidades da cidadanía, humanizando a área ao reducir a presenza do tráfico rodado e dar prioridade ao peonil. En liñas xerais, creouse unha plataforma única que integra a rúa e a praza, mellorando a súa continuidade visual e funcional; ampliáronse as beirarrúas; renováronse os pavimentos; incorporouse novo arborado e mobiliario urbano; e dotouse á zona dun sistema de alumeado LED máis eficiente. Tamén se renovaron as infraestruturas subterráneas, incluíndo redes de saneamento, abastecemento e telecomunicacións. “En resumo, un lugar, tal e como quería Jorge Canda, para as persoas, para gozar do espazo público e para promover o encontro e a convivencia das veciñas e veciños da Lama”, remarcou Luis López.
A colaboración da Deputación de Pontevedra co Concello da Lama ascende nestes dous anos de goberno provincial de Luis López aos preto de 2 millóns de euros. No 2025, o organismo provincial ten previsto destinar á localidade preto de 1,2 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan Extra, o Plan +Provincia ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.