O mandatario provincial tomou parte da protesta convocada pola FEMP ás portas do Congreso para reclamar ao Goberno que atenda a reivindicación das entidades locais: a liberación dos aforros para executar investimentos nos concellos
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este mércores en Madrid na convocatoria por parte da FEMP de todo o municipalismo español para reclamar ao Goberno central o desbloqueo dos remanentes das entidades locais para que poidan executar investimentos, así como a modificación do sistema de financiamento destas administracións, a actualización das entregas a conta para o ano 2025, o abono das liquidacións correspondentes ao exercicio do 2023 e a convocatoria do órgano de diálogo das entidades locais co Executivo que leva tres anos sen reunirse.
Ás portas do Congreso, o mandatario provincial uniu a súa voz á de numerosos alcaldes, concelleiros e presidentes provinciais para conseguir unhas reivindicacións históricas que contan co consenso de todos os grupos políticos que forman parte da Federación Española de Municipios e Provincias.
“Desde a Deputación estamos mobilizando unha gran cantidade de recursos que están a transformar a provincia e a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Un volume de iniciativas transformadoras que podería ser moito máis significativo se o Goberno atende o que é un clamor para os concellos: desbloquear os aforros”, defende Luis López.
Unha reclamación que o mandatario provincial leva abandeirando desde hai meses en encontros institucionais, comunicacións co Goberno central e mesmo en inauguracións de obras financiadas pola Deputación.