HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López presenta as Rías Baixas como un “plató magnífico” para a...

Luis López presenta as Rías Baixas como un “plató magnífico” para a acollida de rodaxes que descentralizan a actividade cultural, turística e económica da provincia

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, visita a rodaxe da película “O Pesadelo das Vacas”, unha produción de Matriuska que se está a gravar de xeito íntegro na comarca do Deza, coa Finca Mouriscade como centro loxístico

“Queremos que actividades coma esta rodaxe non se dean só nos marcos urbanos, que vaian ao rural, como fixemos cos premios Mestre Mateo en Lalín”, di López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este martes en Lalín a rodaxe do filme “O pesadelo das Vacas”, unha produción de Matriuska e dirixida por Rafa de los Arcos que se está a gravar integramente en distintas localizacións da comarca do Deza. Acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, o dirixente provincial tivo a oportunidade de realizar un percorrido polos distintos escenarios de rodaxe do Lalín Arena e de coñecer aos membros do equipo técnico e creativo da obra, entre eles os actores Diego Anido e María Vázquez. “Acollemos unha nova rodaxe na provincia, o que demostra que somos un plató magnífico”, afirmou o mandatario provincial durante o percorrido.

O filme “O pesadelo das Vacas”, primeira longametraxe dirixida por Rafa de los Arcos e producida co selo de calidade de Matriuska, produtora de referencia no audiovisual galego con obras recoñecidas como “Matria”, conta a historia dunha muller ferida por unha traxedia familiar que busca atopar o seu lugar nunha vila do interior de Galicia. Trátase dunha obra que dispón dun orzamento dun millón de euros. Así mesmo, teñen solicitada a colaboración da Deputación a través do programa Rías Baixas Acción, un apoio ao que se lle sumaría a cesión das instalacións da Finca Mouriscade, de titularidade da Deputación, para acoller ao equipo técnico e artístico da película mentres dure a rodaxe, que se realizará de xeito íntegro nos concellos de Lalín, Rodeiro e Silleda.

O mandatario provincial celebrou a acollida dunha nova rodaxe que servirá para dar a coñecer a provincia a través da gran pantalla e que se enmarca na estratexia de promoción da provincia a través do sector audiovisual, facilitando a rodaxe doutras obras de proxección internacional como “Punto Nemo”, “El Jardinero” ou “Antes de Nós” . “Esta dáse nun lugar que é o interior da provincia, o que pon en valor a campaña de promoción do destino turístico Rías Baixas cunha campaña “Cando Volves?”, na que por primeira vez non aparece un so metro de praia. Esa forza do interior é a que tamén, cando se estree a película imos poder desfrutar”, remarcou o presidente Luis López.

A acollida deste tipo de producións contribúen a avanzar na estratexia de descentralización da cultura que está a promover a Deputación. “Queremos que actividades coma esta rodaxe non se dean só nos marcos máis urbanos, que vaian ao rural. Isto é un exemplo como foi no seu día a celebración dos Premios Mestre Mateo que se celebraron por primeira vez na historia nun lugar do rural, en Lalín”, concluíu o dirixente.

Publicacións Relacionadas