HomePontevedraO BNG de Vigo demanda un plan urxente para mellorar a calidade...

O BNG de Vigo demanda un plan urxente para mellorar a calidade do aire na cidade

- Anuncio -spot_img

Vigo supera os límites de contaminación fixados pola Organización Mundial da Saúde e a normativa europea por causa dos elevados niveis de tráfico

A fronte nacionalista defende a necesidade dun plan de choque con medidas concretas en materia de mobilidade, arboredo urbano e control da contaminación

Xabier P. Igrexas: “Queremos unha cidade máis sustentábel, máis habitábel e saúdabel, cun aire limpo que non ameace a nosa saúde”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo alerta da grave situación da calidade do aire na cidade, tras confirmarse nun informe oficial da Xunta de Galiza que Vigo supera os límites de contaminación establecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Unión Europea. Os datos revelan niveis elevados de dióxido de nitróxeno e ozono, derivados principalmente do intenso tráfico rodado, que supoñen un risco para a saúde da cidadanía.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou a inacción do Goberno local e anunciou que a fronte nacionalista demandará na próxima Comisión Informativa de Medio Ambiente a creación dun Plan Local de Mellora da Calidade do Aire con medidas concretas e urxentes.

O informe da Xunta coincide co recollido noutras medicións independentes previas e constata o incumprimento dos límites de contaminación que serán obrigatorios por normativa europea a través de 2030. A este respeito, Igrexas remarca que Vigo emite anualmente 600 mil toneladas de CO2, facendo que sexan numerosas as zonas da cidade que chegan a atinxir exposicións un 53% por riba da media atmosférica.

O portavoz municipal nacionalista critica que malia “a evidencia incontestábel e as denuncias reiteradas das organizacións ecoloxistas, o Goberno de Abel Caballero insiste nun modelo de cidade baseado no coche”, como demostra, segundo apuntou, a súa aposta por proxectos de elevadísimo impacto ambiental como a nova autovía ou a PO-010.

Para reverter esta situación, o BNG propón un plan de choque estruturado en tres grandes eixos: mellorar o transporte público e a mobilidade peonil para reducir o uso do coche; protexer e ampliar o arboredo urbano para mellorar a calidade do aire; e reforzar os mecanismos de control da contaminación en todo o municipio.

O BNG defende a necesidade de avanzar cara a un modelo de mobilidade alternativo que priorice as persoas sobre os vehículos. “Queremos unha cidade máis sustentábel, máis habitábel e saudábel, cunaire limpo que non ameace a nosa saúde”, remachou Igrexas.

Publicacións Relacionadas