O presidente provincial asina co director da Fundación, Ricardo Durán, un acordo para seguir cooperando na organización de feiras e mercados agrarios que potencien a economía e o emprego no interior da provincia
PO presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosa o compromiso do goberno provincial co sector agrogandeiro da comarca do Deza e do conxunto do territorio pontevedrés coa sinatura dun convenio de colaboración coa Fundación Semana Verde de Galicia. Un acordo a través do cal a Deputación achega 150.000 euros para colaborar con esta entidade na organización da exposición da Semana Verde de Silleda, así como co resto das actividades e mercados agropecuarios previstos para este ano. Un pacto que reflexa a vontade da Deputación de seguir impulsando o rural e o sector agrario e gandeiro da provincia.
A través do convenio asinado este luns entre Luis López e o director xeral do Padroado da Fundación, Ricardo Durán; a Fundación Semana Verde de Galicia e a Deputación de Pontevedra reafirman a súa alianza en beneficio dun motor económico e de emprego esencial para as comarcas do interior da provincia. A edición número 47 desta feira levarase a cabo en Silleda entre o 5 e o 8 de xuño.
O encontro entre os dirixentes, que tivo lugar no despacho presidencial do Pazo provincial, serviu para poñer en común asuntos de interese mutuo para ambas as institucións e reafirmar o compromiso da Deputación por seguir colaborando en todo o que sexa posible cunha Fundación fundamental para o sector primario da provincia. Unha colaboración que non se limita unicamente á sinatura deste convenio anual, a Deputación aprobou tamén unha achega de 154.000 para executar o proxecto de illamento da cuberta e mellora da eficiencia enerxética das instalacións da Fundación Semana Verde de Galicia en Silleda.