O presidente da Deputación enxalza nun encontro con produtores celebrado no Pazo provincial a capacidade de innovación e a aposta polo produto local dos emprendedores que estarán nesta feira que se celebra en Pontevedra do 8 ao 10 de novembro
A novena edición do salón do gourmet galego conta por primeira vez cun patrocinio da Deputación, que volverá a exhibir a marca Té Areeiro cun stand propio no Recinto Feiral
“En turismo imos pola calidade, pola sustentabilidade e pola descentralización, por iso a alianza con Etiqueta Negra permítenos seguir avanzando nese camiño con proxectos vinculados á terra e que a maior parte son de concellos do reto demográfico”, di López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece a valiosa achega de feiras como Etiqueta Negra para seguir dando pasos adiante na estratexia impulsada polo goberno provincial para desestacionalizar o turismo no destino Rías Baixas. Nun encontro con produtores chegados de distintos puntos do territorio celebrado no Pazo provincial, o dirixente puxo en valor a súa capacidade de emprendemento e innovación, así como a aposta polos produtos locais que contribúen ao crecemento económico, turístico e comercial da provincia. “Nas Rías Baixas somos potencia en moitos eidos, pero unha indiscutible é a gastronomía”, afirmou López antes de felicitar aos produtores.
A feira celebra a súa novena edición no Recinto Feiral de Pontevedra entre os días 8 e 10 de novembro. Coñecido como o salón do Gourmet Galego e baixo o lema “innovación inspiradora”, o evento xa está consolidado como un dos eventos gastronómicos máis destacados de Galicia e ten o obxectivo de reunir nun mesmo espazo a produtores e consumidores para dar a coñecer as tendencias deste mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a calidade e versatilidade dos produtos da terra.
“Cando falamos de turismo temos moi claro que imos pola calidade, pola sustentabilidade e pola descentralización. E esa alianza con Etiqueta Negra nos permite seguir avanzando nese camiño con proxectos vinculados á terra, ao mar e que a maior parte deles nacen en concellos de Reto demográfico, algo que para a Deputación é moi importante”, afirmou Luis López nun encontro na sede provincial que serviu para presentar unha mostra dos produtos que se exhibirán o vindeiro mes de novembro no evento.
Etiqueta Negra conta por primeira vez este ano co patrocinio da Deputación que inclúe a organización dunha demostración de cociña durante o evento, así como o mantemento dun stand propio para dar a coñecer a marca Té Areeiro, a bebida elaborada na estación de Lourizán con froitas e plantas aromáticas, entre elas a camelia, que cultivan nesta estación pertencente á Deputación.
Neste sentido, o mandatario provincial resaltou a importancia estratéxica desta clase de eventos e da capacidade dun turismo ligado á gastronomía para impulsar o conxunto da provincia. “Estes proxectos sustentables xeran economía, emprego e dámoslle o máximo apoio e alento porque puxestes o voso talento e arriscastes o voso capital para que sexan unha realidade, e a nivel provincial supón un orgullo”, declarou o presidente, quen subliñou a participación na feira de produtores de todo o territorio.
Despois de recoñecer a capacidade de feiras como Etiqueta Negra para impulsar a gastronomía galega, dar a coñecer iniciativas innovadoras e o talento dos profesionais que apostan polo produto local, así como o impulso á actividade económica da cidade e da provincia, Luis López reafirmou o apoio da Deputación a este tipo de eventos e convidou a toda a veciñanza a acudir o vindeiro mes de novembro a esta feira.