HomeDeputaciónsDeputación PontevedraO PSdeG-PSOE esixe ao Goberno de Luís López que volva a sitúar...

O PSdeG-PSOE esixe ao Goberno de Luís López que volva a sitúar á Deputación como referente en benestar animal

- Anuncio -spot_img

O Grupo socialista denuncia que “en dous anos foron incapaces de poñer en marcha unha soa campaña de adopción nin unha obra de mellora nas instalacións de CAAN”

Suillo foi un dos centos de cans e cadelas que grazas ás campañas de concienciación e de fomento da adopción de animais que fixo o anterior goberno da Deputación de Pontevedra, dirixido por Carmela Silva, atopou unha familia de Mourente coa que vive feliz desde fai 4 anos. Suíllo era entón o can máis veterano do Centro de Acollida CAAN, que xestiona a institución provincial, e a súa adopción en plena pandemia foi a imaxe icónica que con outras moitas adopcións converteu á aquela Deputación nun referente en benestar animal.

Suíllo volveu esta semana a CAAN pero non o fixo para quedar. Acompañado de Sombra, Nata e Nymeria, un can e dúas cadelas que foron tamén recollidos das rúas e adoptados por deputados e deputadas do Grupo Socialista, posou orgulloso co seu dono, Paco, fronte ás portas do Centro de Acollida, para denunciar o abandono de atención que CAAN e os seus animais están a sufrir co actual goberno provincial.

Porque agora as cousas son ben diferentes. De feito, o PSdeG-PSOE na Deputación presentará no pleno unha moción para que o goberno de Luís López dea explicacións de como é posible que en 2 anos non puxeran en marcha nin unha soa campaña de adopción dos cans e cadelas que viven en CAAN, tampouco iniciativa algunha para concienciar contra o abandono, e nin unha soa obra de mellora nas instalacións do Centro de Acollida que, co anterior goberno progresista, foi un exemplo de investimentos e referente en todo o Estado.

A portavoz socialista, Ana Laura Iglesias, lamentou que “a pesar da importancia da adopción para garantir o benestar dos animais acollidos no CAAN, non se están a desenvolver campañas institucionais efectivas de concienciación e fomento da adopción. É imprescindible que a Deputación impulse programas permanentes que promovan a adopción, asegurando que tanto a cidadanía como os concellos conten con información axeitada e cos recursos necesarios para mellorar a calidade de vida destes animais”.

Iglesias, responsabiliza tamén ao Goberno do PP “de esquecerse de mellorar as instalacións porque non fixo en dous anos nin un so investimento no Centro”. A deputada lembrou “as importantes obras de ampliación e melloras que fixo o anterior executivo. “Ceáronse novas zonas cirúrxicas, habilitouse un espazo de maternidade confortable e seguro para as cadelas e os seus cachorros, creouse un área de socialización e amestramento, remodelouse a zona de corentena e hospitalización, mellorouse o espazo de clínica e creouse a primeira sala de raios X e un quirófano, amais de adquirir novo material e maquinaria”.

Por elo, o Grupo Socialista esixirá ao goberno provincial que poña en marcha campañas para previr o abandono, concienciar sobre as esterilizacións e fomentar as adopcións responsables e permanentes que involucren a todos os animais domésticos incluídos na nova lei. Tamén que a Deputación acometa obras de mellora e ampliación das instalacións do CAAN así como a adquisición de novo material para a atención dos animais, e que reforce o compromiso da institución cos concellos adheridos o CAAN garantindo os recursos suficientes para a aplicación da Lei de protección dos dereitos e o benestar dos animais. Suíllo e os seus compañeiros, agora xa coas súas familias, estarán pendentes.

Publicacións Relacionadas