“Protagonizades unha longametraxe colectiva que, malia ter un final escrito, temos aínda que alcanzar: a igualdade real e efectiva”, defende López
O presidente felicitou tamén ás catorce nomeadas nunha gala impulsada en colaboración con CIMA na que actuaron as Tanxugueiras e asistiron os conselleiros Fabiola García e José López Campos, membros do goberno provincial, alcaldes e profesionais do sector
López reivindicou que os galardóns, como os Feroz e a vindeira edición dos Mestre Mateo en Lalín, apuntalan a aposta provincial polo audiovisual
As profesionais do audiovisual Jaione Camborda, Lidia Fraga e Nati Juncal son as gañadoras da cuarta edición dos premios Mulleres no Foco, entregados este xoves no auditorio da sede de Afundación de Pontevedra. Un certame promovido pola Deputación e a Asociación de Mulleres CIMA que ten o obxectivo de dar visibilidade ao papel da muller no sector do audiovisual. A cerimonia de entrega destes galardóns, que estivo amenizada coa música das Tanxugueiras, contou coa participación do presidente provincial, Luis López, así como das tres gañadoras destes galardóns e a asistencia das catorce nomeadas. Ademais, estiveron presentes na gala os conselleiros de Cultura, José López Campos; e de Política Social e Igualdade, Fabiola García; e membros do goberno provincial, alcaldes dos concellos da provincia e representantes do sector audiovisual encabezados por Beatriz Mbula, directiva de CIMA.
Na súa intervención o mandatario provincial puxo en valor o labor, tanto a prol do audiovisual como da igualdade, que as catorce nomeadas levan facendo ao longo da súa carreira. “Todas aquí sodes profesionais comprometidas. Iso fai que, diante ou detrás da cámara, sempre sexades autoras dunha dobre historia. Por unha banda, están as que se contan en “O Corno”, “Matria” e tantas outras producións cada vez máis numerosas e diversas. Pero, proxecto a proxecto, ides engadindo novas e imprescindibles escenas a outra historia: a da conquista da igualdade”, destacou López.
O presidente da Deputación dedicou unha mención especial á traxectoria das tres mulleres recoñecidas nesta cuarta edición dos Premios Mulleres no Foco. “Hai quen produce grandes guións na ficción e hai quen, sen pretendelo, escribe os guións da conquista pola igualdade no mundo real. Ela desempeña ambas tarefas con enorme éxito”, dixo sobre a guionista Lidia Fraga. Para referirse á Nati Juncal, botou man dunha cita da produtora, “temos unha débeda coas mulleres que viñeron antes, abríndonos camiño”, contextualizou López antes de eloxiar a “humildade” dunha muller que “pode estar tranquila porque resarciu, con moito, a débeda de gratitude que tiña coas súas antecesoras. Como produtora, como emprendedora, como voz comprometida do sector foi labrando un camiño que hoxe recoñecemos aquí”. Da directora Jaione Camborda, salientou Luis López que a súa obra é “a man que acompaña e sinala o que non sempre somos quen de ver; a voz nova que narra os retos do noso tempo; ou a mirada que enfoca ao que aínda nos queda por facer”.
A cerimonia de entrega destes cuartos premios Mulleres no Foco, que repartiu tres premios dotados con 5.000 euros cada un, comezou arredor das 19 horas deste xoves 30 de xaneiro coa recepción dos asistentes no hall da sede Afundación no que a compañía Pablo Méndez Performance levou a cabo un espectáculo. Xa no interior do auditorio, deu comezo unha gala que estivo conducida por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro, e contou coa intervención inicial de Beatriz Mbula, representante da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais. Despois da proxección dun vídeo sobre las catorce nomeadas aos premios e dunha nova actuación das Tanxugueiras, deu comezo a entrega de premios. O primeiro recibiuno Lidia Fraga de mans de Beatriz Mbula, o segundo entregoullo a Nati Juncal a conselleira de Igualdade, Fabiola García; e o terceiro deullo o presidente Luis López á cineasta Jaione Camborda. A gala rematou co discurso do mandatario provincial, a interpretación dunha nova peza a cargo das Tanxugueiras.
Adicionalmente, Luis López deixou unha reflexión sobre o camiño cara a igualdade. “Estamos ante unha longametraxe concibida durante séculos para que as mulleres ocupen sempre un papel secundario. Ata que chega, non hai moito, o necesario xiro de guión. Non é un xiro brusco senón que, pouco a pouco, camiñando a ombreiros de pioneiras, ídesvos facendo co peso da escena, das narrativas e dos proxectos cun éxito que a todos nos fai sentir moi orgullosos. Aquí falo ante guionistas da igualdade no sector, ante directoras do feminismo no audiovisual, ante as protagonistas desa nova longametraxe colectiva cuxo final está necesariamente escrito pero que aínda non alcanzamos: esta produción só pode acabar coa igualdade real e efectiva. Haberá quen diga que esa trama é inventada, que é innecesaria ou que rexeite pagar entrada nun exercicio de negacionismo absurdo. E haberá quen queira facer unha produción tan cativa na que caiban só uns poucos nunha demostración de torpeza miope. Pero nin uns nin outros deberán frear nunca o avance da igualdade. ‘Non hai fronteiras’, como dirían As Tanxugueiras”, concluíu o presidente da Deputación.
Compromiso da Deputación coa cultura e o audiovisual
“Aida, Sabela e Olaia —as tres integrantes das Tanxugueiras— fan na música o que vós no sector; e o que tantas outras mulleres emprenden en todos os eidos desta provincia extraordinaria”, dirixiuse Luis López aos asistentes á gala para enmarcar a aposta que a Deputación está a facer pola cultura. “Esta provincia cre no audiovisual: acollerá os Premios Feroz e proximamente –o 14 de marzo en Lalín— a gala dos Mestre Mateo, a primeira vez que se celebra no rural, co apoio da Deputación. Esta provincia rescata a cultura co regreso da Bienal de Arte de Pontevedra logo de 15 anos de ausencia e a reapertura do Cine Fraga de Vigo tras case dúas décadas de peche. Esta provincia potencia a igualdade, a das Mulleres que Opinan, a dos premios Boas Prácticas en Igualdade e a do novo Ateneo pola Igualdade. Esta é a provincia, en definitiva, das Mulleres que están no foco por méritos propios”, afirmou o mandatario provincial.
“Esta semana quixen facer unha pregunta á Intelixencia Artificial: ‘Son as cineastas galegas as más talentosas de España?’. A resposta foi: ‘As cineastas galegas demostran ser moi creativas e valentes para abordar temas profundos e acotío menos explorados na industria audiovisual’. É dicir nin sequera unha tecnoloxía tan inmadura e falible como esta pode negar a evidencia, que as cineastas galegas merecen estar –porque son— na elite e na vangarda do cinema. O verdadeiro triunfo chegará cando deixemos de facernos esta pregunta, porque ter que visibilizar unha realidade –neste caso, o papel da muller no sector— implica que non é tan visible como debera. Esa é a razón pola que se celebra esta gala. Esta, e cantas edicións sexan necesarias ata que o éxito feminino no audiovisual sexa tan rotundo, tan concluínte e tan coñecido que a pregunta pase a ser simplemente ridícula”, comezou o presidente Luis López o discurso que serviu para pechar o acto.