O presidente da Deputación, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, participa no acto inaugural do congreso no que puxo en valor o éxito de programas como +Benestar ou +Reto Dixital, con accións estratéxicas coma a humanización de prazas
“Esta provincia extraordinaria é un paraíso grazas ás persoas maiores”, afirma López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o compromiso e implicación do organismo provincial na prestación de servizos de calidade ás persoas maiores da provincia tanto a través de programas específicos, como os plans Provincia Activa, +Convivencia, +Convivir ou +Benestar; como de xeito transversal a través de proxectos de humanización de rúas e prazas ou aplicando medidas para afrontar o reto demográfico. Fíxoo este xoves no auditorio Afundación de Vigo no marco do duodécimo Congreso Nacional de Organizacións de Maiores organizado por Ceoma (Confederación Española de Organizacións de Maiores). “O coidado dos nosos maiores vai máis aló dunha política social ou dunha etiqueta, debe ser algo transversal”, defendeu o mandatario provincial que asistiu ao congreso acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez.
Este evento de ámbito nacional, ao que asistiu tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; centrouse na aposta ao longo dos últimos 25 anos de Ceoma polo talento sénior. Así, ao longo das xornadas do xoves e venres, está previsto a celebración de relatorios baseados, por exemplo, no reto do envellecemento activo, no reto do traballo máis aló dos 50 anos, nas entidades amigables coas persoas maiores, nos retos do cambio climático e as persoas maiores, o papel da muller na dirección das organizacións ou o maltrato na vellez, entre outros. Así mesmo, despois da conferencia inaugural procedeuse á entrega do Premio Maiores en Acción, que o recibiu o presidente de honra de Ceoma, Eduardo Rodríguez Rovira, de mans do presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijoo.
O presidente provincial foi un dos encargados de intervir na inauguración do congreso. Un discurso no que Luis López deu unha “tripla noraboa” aos organizadores. “Por elixir Vigo, o pulmón da provincia de Pontevedra; pola vosa sensibilidade cos maiores, poucas cousas hai más daniñas e torpes para unha sociedade que falar dos maiores desde a superioridade ou con estereotipos falsos,; e por elixir para este congreso un tema como o talento sénior, na provincia apostar polo talento dos nosos maiores non é unha elección, é unha obriga”, sinalou o dirixente.
Neste sentido, subliñou Luis López que a Deputación fai “todo canto podemos” polos maiores e, antes de debullar as liñas mestras do programa de atención aos maiores xa puntualizaba que “facemos moito”. Referiuse o presidente provincial aos 130 talleres do programa Provincia Activa para o envellecemento activo de 3.000 persoas, ás 13.000 persoas que percorren a provincia coas excursións do +Convivencia, as charlas sobre a prevención do Alzheimer ou os obradoiros de risoterapia que levou o +Convivir por todas as comarcas, as máis de 2.100 persoas maiores de 55 anos que desfrutaron do termalismo ao abeiro do +Benestar e os maiores que recibirán formación no uso das novas tecnoloxías e aplicacións móbiles a través do novidoso programa +Reto Dixital. Accións, todas elas, incluidas baixo o paraugas dun departamento específico creado polo goberno de Luis López centrado no Reto Demográfico.
Pero, como remarcou o presidente, a atención aos maiores “debe ser transversal” e a Deputación tamén ten presente a este colectivo cando financia proxectos de humanizacións nos concellos para que poidan vivir en contornas con mellores servizos e infraestruturas e máis saudables ou con accións de apoio á mocidade para que poida desenvolver a súa actividade económica na provincia e, así, os maiores poidan vivir cerca dos seus familiares.
“Somos un territorio sabio, sereno, maduro, racional, estable e, ao mesmo tempo, creativo, inconformista e inquieto”, describiu o dirixente, quen reflexionou sobre a importancia de coidar das persoas maiores. “Coidemos aos nosos maiores, respectémolos e valorémolos. Todos o seremos algún día. Porque esta provincia extraordinaria, que é a provincia de Pontevedra, é un paraíso grazas a eles”, concluíu Luis López.