As axudas, distribuídas en réxime de concorrencia competitiva, van dirixidas a 40 entidades, tres máis que o pasado ano, de 14 concellos da provincia de Pontevedra, con contías que oscilan entre os 3.000 e os preto de 7.000 €
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a distribución por concorrencia competitiva das axudas dirixidas a entidades sociais sen fins de lucro da provincia para que avancen no fomento da igualdade e na loita contra a violencia de xénero. En total, tal e como explicou o presidente provincial, beneficiaranse desta liña provincial, que ascende a 200.000 €, 40 entidades, tres máis que o ano pasado, de 14 concellos da provincia. “A igualdade é un dos grandes eixos de traballo deste goberno provincial e hoxe amosamos, unha vez máis, que somos un goberno comprometido coa igualdade e a loita contra esa lacra social que é a violencia de xénero”, manifestou Luis López.
As entidades recibirán axudas que oscilan entre os preto de 3.000 euros e os máis de 6.600 euros e, con estas contías, poderán impulsar proxectos e actividades de sensibilización e prevención da violencia de xénero ou de atención integral ás vítimas; programas para mulleres en situación de vulnerabilidade; iniciativas para favorecer a igualdade ou para crear redes e servizos de apoio; programas para mellorar a formación e a inserción laboral das mulleres e tamén campañas de difusión e sensibilización.
A metade das asociacións beneficiarias pertencen a Vigo, con contías totais que ascenden a 101.300 euros. En concreto, trátanse das fundacións Integra, Érguete-Integración, Juan Soñador, Cume, Impulsarse, Formavigo e Amigo; das asociacións Solidaria Galicia, ASVIDAL, Xaruma, Érguete, Empresarias de Galicia, Down Vigo, Asociación ciudadana de lucha contra la droga, AFAGA, APAMP e Diversidades; das federacións FEAFES e de persoas xordas de Galicia e da Sociedade Cooperativa Galega A Nosa Morada.
De Pontevedra benefícianse sete entidades con 35.621,1 €: Cáritas Diocesana, Arelas, Fundación Meniños, Down Pontevedra Xuntos, Cruz Roja Española, Federación Aspace Galicia e a Asociacion Provincial de Amas de Casa y Consumidores Rías Baixas. De Mos son dúas, ás que chegarán 10.000 €, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade e a Casa Santa María de la Esperanza Esclavas de la Virgen Dolorosa.
Tamén se beneficiarán das axudas provinciais para o fomento da igualdade o Sindicato Labrego Galego da Estrada; as asociacións para a promoción e integración das mulleres galegas do rural de Cambados, Puntodelas de Lalín, Isis Social de Marín, de pais de discapacitados psíquicos de Cangas do Morrazo, Amar do Porriño, de maiores de Ponteareas, para o desenvolvemento social da comarca do Deza de Silleda e a de mulleres en igualdade de Tui; así como o Colexio Nuestra Señora de Fátima de Crecente e a Fundación Amigos de Galicia de Vilagarcía de Arousa.