Estes novos recursos beneficiarán ao Porriño, Poio, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Silleda e Tui
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 2 millóns de euros para que seis concellos da provincia impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos O Porriño, Poio, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Silleda e Tui que, como explicou o presidente provincial, Luis López, poderán destinalos, entre outras iniciativas, a “mellorar equipamentos deportivos e realizar diferentes actuacións en vías e camiños municipais”. Con estas novas achegas, o goberno provincial xa aprobou 32 millóns de euros dos 48,2 dos que está dotado este programa para transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
O presidente provincial remarcou algunhas das iniciativas de elevada contía que van acometer os concellos cos recursos provinciais. Neste eido subliñou a mellora de vías municipais en Salvaterra do Miño, grazas a unha achega de 490.290 euros, ou os 441.923 euros que recibirá Poio: 161.690 euros para a mellora de firmes e servizos en Camiño Cementerio, 3ª Travesía da Seara e Camiño Outeiro, e 280.232 euros para a mellora de camiños municipais nos ramais dereito e esquerdo da rúa Sartal. Tamén remarcou Luis López o medio millón que recibe Rodeiro, para igualmente a mellora de camiños municipais das parroquias do Az, Guillar, Santa. Mariña de Pescoso, O Salto, Camba, Carboentes, Asperelo e Arnego. Neste eido o presidente recalcou que “nunha semana fomos quen de mobilizar case un millón de euros para a mellora de vías para o concello dezán”.
Ademais de recursos para Salvaterra, Poio e Rodeiro, a Xunta de Goberno aprobou no marco da liña 1 de investimentos do Plan +Provincia outros 368.290 € para a mellora de camiños municipais en Manduas e Refoxos, en Silleda; 110.289 € para a reforma dun local destinado a servizo de atención temperá e centro de xogos infantís no Porriño, e 87.457 € para a mellora da salubridade e o consumo enerxético da pista polideportiva de Randulfe, en Tui.