Luis López salienta a forza da automoción para o desenvolvemento económico da provincia na inauguración do Salón do Automóbil de Vigo

adminON
Lectura mínima de 3

O presidente provincial referiuse á necesidade de seguir apoiando industrias eficientes e innovadoras como Stellantis para que a provincia siga competindo entre os mellores fabricantes de vehículos de España e Europa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reivindicou a forza do sector do automóbil para o desenvolvemento económico e fomento do emprego na cidade de Vigo, a súa área metropolitana e a provincia na inauguración da trixésimo terceira edición do Salón do Automóbil e da Motocicleta que abriu as súas portas este mércores no Ifevi de Vigo. “A automoción é o motor da nosa economía e do noso emprego”, afirmou o mandatario provincial no seu discurso inaugural.

Recoñeceu López que Vigo conta cunha das factorías máis eficientes, profesionais e produtivas do país, dixo en referencia a Stellantis, arredor da cal están a medrar numerosas industrias auxiliares que son líderes en innovación e, do mesmo xeito, aumentan as exportacións desde o Porto de Vigo que o sitúan entre os máis activos de España. “Pero como todos os motores, para funcionar a pleno rendemento precisan combustible. “Un combustible que non é fósil, que non contamina, pois é para fomentar a produción do vehículo eléctrico nesta planta de Balaídos. E un combustible que ten que chegar canto antes, en forma de fondos europeos e de apoio para que Stellantis, Vigo, a provincia e Galicia sigan competindo entre os mellores fabricantes de coches de España e Europa”, reclamou o presidente da Deputación de Pontevedra.

É esta tradición entre Vigo e o motor a que fai posible que o Salón do Automóbil e a Motocicleta cumpra 33 anos de historia na principal cidade de Galicia. Un evento no que os asistentes poderán descubrir as mellores e máis novas ofertas do mercado, no que os amantes das motos teñen tamén o seu espazo e un plan para desfrutar en familia con atractivos como unha exposición de coches deportivos.

“É unha cita para desfrutar do motor, de Vigo e da provincia; porque sempre se chega máis lonxe cando a automoción funciona”, concluíu Luis López convidando a cidadanía a visitar este Salón que permanecerá aberto ata o vindeiro domingo 10 de marzo.

Comparte este artigo