O presidente provincial, acompañado polo alcalde David Carrera, inaugura a humanización da rúa Alameda, financiada ao 100 % con fondos provinciais
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o investimento de máis de 330.000 euros por parte do organismo provincial que serviu para a transformación da rúa Alameda, no centro urbano da Lama. ”Unha humanización que dá protagonismo aos peóns e llo quita aos coches, que transforma un lugar onde predominaba o asfalto para convertelo nun espazo verde, integrador e seguro e na creación dunha contorna favorable para o encontro entre persoas e a celebración de eventos sociais e culturais”, afirmou o mandatario provincial no acto de inauguración desta obra impulsada pola Deputación a través do programa PON2030 e no que estivo acompañado polo alcalde da Lama, David Carrera.
O obra tivo un custo duns 333.000 euros, dos que 300.000 achegounos a Deputación ao abeiro do PON2030 e os 33.000 euros restantes a través da anualidade do 2023 do Plan Concellos. A intervención centrouse na creación dunha plataforma única, que integra a Rúa Alameda coa praza onde se atopa a Casa do Concello de o centro de saúde, que trocou as beirarrúas estreitas e o predominio dos vehículos a motor por un espazo con zonas verdes, mobiliario urbano e beirarrúas máis amplas onde o peón ten prioridade.
Pola súa banda, o presidente Luis López amosou a súa satisfacción polos froitos que está a dar a colaboración entre a Deputación e os concellos da provincia. Unha cooperación que permite que “os proxectos pasen do papel ao terreo e a execución de obras que transforman e modernizan os espazos urbanos”. Neste sentido, o mandatario provincial recoñeceu o labor desenvolvido polo alcalde David Carrera, ao que agradeceu a súa predisposición para colaborar coa Deputación e dar todas as facilidades posibles para facer realidade o proxecto. “Un servidor público sabedor de que a vía do municipalismo e da cooperación leal entre institucións é o camiño máis curto para facer realidade este tipo de proxectos”, valorou López.
PEID e +Provincia
Con motivo da visita do presidente da Deputación ao Concello da Lama para a inauguración desta obra, Luis López aproveitou para avanzar os plans de investimentos que ten previsto o ente provincial para este ano na Lama a través de programas como o +Provincia ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que mobilizarán neste municipio un total de 675.000 euros.