Estes novos recursos beneficiarán á Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, As Neves, Cambados, Campo Lameiro, Covelo, Lalín, Moaña, Mondariz, O Porriño, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Valga, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. O +Provincia destinou xa arredor de 28 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes
A Deputación achega 450.000 euros para completar o financiamento de actuacións na Illa de Arousa, Campo Lameiro e Tomiño que xa recibiron recursos provinciais do Plan Extra e mobilizarán arredor de 2,2 millóns de euros
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 4 millóns de euros para que A Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, As Neves, Cambados, Campo Lameiro, Covelo, Lalín, Moaña, Mondariz, O Porriño, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Valga, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa impulsen novos investimentos a través da primeira das liñas do Plan +Provincia 2025. O presidente provincial, Luis López, asegurou que o goberno provincial segue “avanzando, unha semana máis, no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos arredor de 28 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.
Desta maneira, A Illa de Arousa, Campo Lameiro e Tomiño recibirán 450.000 euros para completar o financiamento dos proxectos que xa contan con achegas do Plan Extra e que, en total, mobilizan arredor de 2,2 millóns de euros. En concreto, A Illa de Arousa recibirá 74.913 € para a transformación e posta en valor das rúas Marqués de Bradomín, Naval e Alcalde C. Manuel de Graña, que conta con 424.505 € do Plan Extra; Campo Lameiro 79.227 € que se unen aos 448.594 € recibidos do Plan Extra para actuacións no camiño Agrelo, e Tomiño 299.381 € para a implantación do novo modelo de residuos, que completan os 898.143 € do Plan Extra.
Ademais, tamén ao abeiro da liña 1 de investimentos A Cañiza recibirá 153.944 € para a renovación da área de lecer da Carballeira do Cacharado; A Estrada 968.743 € para financiar dous proxectos (198.638 € para o mantemento da rede viaria municipal e 770.105 € para a pavimentación de vías rurais); As Neves 128.478 € para traballos de repavimentación en camiños da Chanciña, Xestosa, do Pazo a Ravelo, do Súper e Gandarela; Cambados 294.904 € para a ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga; Covelo 64.243 € para a pavimentación de camiños municipais en Maceira e Barciademera; Lalín 89.981€ para construír un muro de contención en Doade, e Moaña 253.000 € para os traballos de mellora da vía municipal desde Carballido á rúa da Costa.
Ademais, Mondariz contará con 73.485 € para a creación do Parque Castelao; O Porriño con 78.202 € para a ampliación da rede de saneamento en Cerquido; Redondela con 530.308 € para a mellora da seguridade viaria na Estrada de Porto Cabeiro entre a N-555 e o Camiño do Campiño, en Vilar de Infesta; Sanxenxo con 583.080 € para a humanización do núcleo rural de Aios; Valga con 60.738 € para o balizamento na contorna da lagoa de Porto Piñeiro; Vilaboa con 140.001 € para a pavimentación de vías municipais en Ramalleira, Figueirido e Barciela; Vilagarcía con 61.055 € para a mellora do firme na Rúa Fontecarmoa e Travesías Rosalía de Castro, e Vilanova de Arousa con 165.153 € para a mellora de diferentes vías.